Riobóo mantén o pulso á dirección estatal e di que seguirá a liderar Podemos en Galicia

Riobóo, con membros do Consello Cidadán de Podemos en Galicia CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Breogán Riobóo aférrase ao cargo e desafía a dirección de Podemos. Logo de que esta anunciase que unha xestora conduciría a organización ata a elección da nova directiva en Galicia, o aínda secretario xeral non se dá por aludido. As tensións internas das últimas semanas estouparon coa dimisión de dez membros do Consello Cidadán Galego, entre elas as dos deputados no Congreso Gómez-Reino e Ángela Rodríguez e a do senador García Buitrón. Unidas ás anteriores renuncias e ás diferenzas pola concorrencia electoral do partido morado, a proximidade das vindeiras eleccións autonómicas levou a Pablo Iglesias a anunciar a renovación inmediata da dirección, en menos de dous meses. 

Riobóo anuncia que seguirá no posto e advirte do "poder de decisión" de Podemos-Galicia

Pero Riobóo teima no seu desafío. En rolda de prensa, anunciou que seguirá no seu posto e que Podemos-Galicia ten "poder de decisión" respecto ás vindeiras autonómicas. Volve deitar dúbidas sobre a conveniencia de repetir unha fórmula -a de En Marea- que resultou exitosa nas xerais e négase a abandonar. "Teño a firme convicción de seguir nas miñas funcións e responsabilidades e defender estes principios, e farei todo o que estea na miña man para que nas eleccións autonómicas sexa a xente de Podemos-Galicia a que decida como concorrer", repetiu aludindo á "transparencia, a partición e a democracia real". 

Ante o anuncio dunhas inminentes primarias, Riobóo entende que a convocatoria atinxe ao Consello Cidadán Galego e ao Comité de Garantías, pero non a el. "Non teño porque presentarme a unhas primarias porque xa fun escollido polos inscritos" na formación morada, insiste.  Riobóo obtivera no proceso interno a maioría de apoios (o 54%, 1.810 votos de 3868 totais) nunhas votacións nas que participara apenas un de cada cinco inscritos no país (18.808). O aínda secretario xeral da formación era o candidato da liña oficialista e de Pablo Iglesias, que apoiara a súa lista, cuxos membros ocuparan todos os postos da dirección. 

Ademais, non ve tampouco "a necesidade dun equipo técnico cando xa o hai elixido pola xente de Podemos" e non obviou os reproches aos dez dimisionarios. Segundo el, "pretenden en último caso saltarse os estatutos de Podemos" e "crear estruturas paralelas aos órganos que forman" no país para "baleirar de funcións" o Consello Cidadán Galego. 

Tan só unhas horas despois de que Riobóo mantivese o pulso, o secretario de Organización de Podemos, Sergio Pascual, recordoulle que está fóra e que o proceso de renovación implica tamén a secretaría xeral. "O señor Riobóo é libre de presentarse ou non ao novo proceso interno convocado polo secretario xeral" no marco da reunión celbrada o luns do Consello de Coordinación Estatal, "como corresponde á súa competencia". 

"Non teño porque presentarme a unhas primarias porque xa fun escollido polos inscritos de Podemos en Galicia"

Riobóo foi máis aló e insinuou que as dimisións en bloque foron organizadas ou impulsadas desde a dirección do partido en Madrid. Di que foi "curioso" que o Consello de Coordinación "soubese" un día antes de confirmarse a dimisión que os deputados de En Marea ían abandonar. De feito, o aínda secretario xeral de Podemos aclarou que el non foi avisado ata ese mesmo día e considera "unha cuestión de realidade" os movementos desde a dirección estatal para acabar coas discrepancias internas sobre a súa xestión. 

Riobóo insinúa que as dimisións foron impulsadas desde a dirección en Madrid

Ao tempo, Riobóo lembrou que os acordos de Vista Alegre indican que serán os inscritos en Podemos-Galicia os que decidan sobre a forma de concorrer ás autonómicas e insistiu en que as opcións de repetir En Marea é factible, pero unha confluencia "mellor feita", ao igual que ir en solitario. "É un debate que debe darse na organización", insistiu, polo que ve "preocupante" que o deputado Gómez-Reino defenda a confluencia. "Estanse interprentado de maneira laxa os artigos sobre consultas cidadás; Podemos-Galicia debe decidir como concorrer ás autonómicas", rematou. 

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.