A Xunta asegura que coñeceu a prórroga de ENCE pola prensa

Vista aérea da factoría de ENCE © encefora.gal

O coñecemento de determinados asuntos pola prensa é xa un clásico multicor dos argumentarios políticos á hora de desligarse de decisións ou feitos máis ou menos delicados. Argumentario ou non, esta é a explicación que a máxima responsable da Consellería de Medio Ambiente ofrece ao ser cuestionada pola súa valoración da prórroga que permitirá que a planta de ENCE fique onde está, á beira da ría de Pontevedra, ata 60 anos máis. Beatriz Mato desliga por completo o Goberno galego da decisión e mesmo afirma que será agora, cando a prórroga xa é un feito, cando "coñeza" os responsables da pasteira.

Nunha entrevista na Radio Galega a conselleira restoulle importancia ao feito de que o actual Goberno de España agardase a estar en funcións para outorgar a prórroga -foi asinada o 20 de xaneiro- e situou a Xunta no papel de espectadora. "A tramitación dentro da Administración central é competencia da Administración central, eu sei como respondería a Xunta", indica antes de constatar que "agora temos esa autorización", a cal "coñecemos polos medios de comunicacións estes días", asegura.

Aínda que a Xunta e, particularmente, a propia Consellería de Medio Ambiente tivo que emitir un informe ao respecto -que o Executivo galego subliña como mero trámite- Mato mantén que o Goberno galego soubo da decisión final pola prensa porque "a nós non nos teñen por que pasar ningunha información; ao contrario, a nós nos demandan información". Así, a prórroga é "unha realidade coa que nos atopamos todos".

A conselleira mantén que o traslado era tecnicamente inviable, aínda que o PP o incluíu no seu programa electoral

Neste contexto, a Conselleira desprega os argumentos xa empregados por Alberto Núñez Feijóo esta mesma semana no Parlamento. Asegura que "se o presidente ou mesmo eu tivésemos a oportunidade de ter outro emprazamento" e "escoller onde poñer ENCE", a factoría non continuaría na ría de Pontevedra. Pero "esa non é a realidade" porque non hai ningún outro lugar no que "se dean as circunstancias técnicas", di, aínda que tanto nas eleccións de 2009 como nas de 2012 o PPdeG, en cuxas listas participaba, incluíu o traslado no seu programa electoral.

Mato afirma que vai "chamar" á empresa para que "me conten que queren facer", xa que "non coñece" os seus responsables

Así as cousas, Mato afirma que o que agora reina no Goberno é a "alegría" por que "o emprego se manteña en Pontevedra" e, partindo dela, exercerá a "responsabilidade" de "esixir as condicións medioambientais". "Eu -relata- chamei á empresa porque quero coñecer de primeira man cales van ser os investimentos" que vai facer. Descoñéceos polo momento porque, afirma, "non tiven a oportunidade de coñecer" os resonsables da compañía. "Pero vounos chamar para que me conten que queren facer e dean un paso máis adiante do que a normativa esixe en materia ambiental", mantén, nun contexto no que, non obstante, a penalización máis relevante por incumprir os compromisos da prórroga sería que esta se reduciría de 60 a 50 anos, tal e como figura no documento que acompaña esta información.

Beatriz Mato, na Radio Galega © Radio Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.