Caamaño sinala o goberno da Xunta como obxectivo tras ser elixido líder do PSdeG na Coruña

Caamaño, nun mitin do PSdeG CC-BY-NC-SA PS

Francisco Caamaño foi elixido esta tarde secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE na Coruña, ao obter o 58,8% dos votos e superar a José Manuel Lage (20,5%) e Valentín González Formoso (20%). En total, Caamaño colleitou 106 votos fronte aos 37 acadados por Lage e os 36 do alcalde das Pontes. Os tres candidatos negociaron durante horas un acordo de integración, que ao final non se produciu. Sobre isto Caamaño declarou que "non é que o partido non queira unidade, é que o partido quere decidir".

No seu primeiro discurso Caamaño prometeu que "nunca defraudarei" e afirmou que "imos gañar a Xunta"

No seu primeiro discurso Caamaño prometeu que "nunca defraudarei" e afirmou que "imos gañar a Xunta". Así mesmo, salientou a "enerxía renovada" que dixo sentir. Así mesmo, chamou a todos os militantes a traballar para gañar os próximos comicios autonómicos e tamén os locais de dentro de tres anos.

É o terceiro congreso provincial do PSdeG-PSOE nas últimas semanas, despois dos celebrados a pasada fin de semana en Ourense e Lugo, onde Raúl Fernández e José Manuel Besteiro foron os gañadores.

Pachi Vázquez clausurou o congreso salientando que “esta é a forza do PSdeG, que renace hoxe aquí na Coruña, para gañarlle a batalla á dereita

Pola súa banda, Pachi Vázquez clausurou o congreso salientando que “esta é a forza do PSdeG, que renace hoxe aquí na Coruña, para gañarlle a batalla á dereita, unha dereita na que poucos confían, porque nos está levando ao desastre”, dixo. “Unha dereita que en vez de gobernar, insulta, que en vez de resolver os problemas, os agrava e que, en vez de defender á cidadanía, a somete”, concluíu.

Así mesmo, o secretario xeral do PsdeG-PSOE esixiu para Novagalicia Banco o mesmo trato que para Bankia: “quero para NGB a mesma recapitalización con fondos públicos” que para a entidade creada en torno a Caja Madrid. Noutro momento do seu discurso, o máximo dirixente dos socialistas Galegos acusou a Feijóo de non ter xestión nin balance de lexislatura que presentar. “O problema de Galicia non é o déficit. O problema é Feijóo”, aseverou o dirixente socialista en referencia ao modo xestionar a crise do presidente galego.

Caamaño, nun mitin do PSdeG CC-BY-NC-SA PS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.