Toda a oposición presentará unida nos concellos mocións contra a política lingüística do PP

Comparecencia d'A Mesa xunto ás forzas políticas Dominio Público @AlternativaGZ

"O obxectivo é tamén mostrar unidade, deixar claro que a lingua é unha cuestión de país que vai máis aló de partidismos". Marcos Maceira teno claro. O presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística explica así a imaxe que case todas as formacións políticas galegas con representación municipal e parlamentar -todas as de relevancia agás o PP- amosaron este luns ao presentaren o seu apoio á moción a favor do galego que se presentarán en diferentes institucións galegas.

"O obxectivo é tamén mostrar unidade, deixar claro que a lingua é unha cuestión de país", din desde A Mesa

Representantes de PSdeG, BNG, Anova, EU, Compromiso por Galicia, Cerna, Partido Galeguista, Coalición Galega e Converxencia21 -ademais de Terra Galega e Alternativa dos Veciños, que amosaron a súa adhesión- repetiron a unidade da Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, aquela inédita asinada en xullo pero na que tamén estaba o PP, que en nada mudou a súa política lingüística.

Non é posible agora a presenza do PP -autoexcluído segundo A Mesa-, xa que precisamente esta moción constitúe tamén "unha resposta ao conformismo e inacción do Goberno galego ante as recomendacións e as conclusións do último informe do Consello de Europa". Nel, a institución volvía advertir de que o decreto do plurilingüismo reduce a presenza da lingua propia e "entra en contradición" coa Carta Europea das Linguas, ademais de pedir "encarecidamente" fomentar o idioma na escola e modificacións legais que permitan o seu uso na xustiza e na administración.

A moción, que se presentará en todos os concellos galegos e posteriorme nas deputacións e mesmo no Parlamento, reclama que a Xunta faga efectivas as recomendacións do Comité de Expertos e do Comité de Ministros do Consello de Europa, que insta a cumprir acordos internacionais como a Carta Europea das Linguas asinada polo Estado e que o faga "elaborando un novo decreto para o uso do galego, que conte con amplo apoio social e político e que, mentres, derrogue aqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o uso do galego".

A moción presentarase en todos os concellos galegos e pide que se cumpran as recomendacións do Consello de Europa e un novo decreto

Ademais, as mocións que se aproben nas diferentes institucións serán enviadas logo ao Consello de Europa. Con esta iniciativa e a unidade, A Mesa e todos os partidos pretenden deixar clara "unha evidencia": a de que "hai unha maioría institucional en Galicia contra esta política lingüística do Goberno galego". Para o colectivo pola normalización, é clave “facer visíbel en Galiza e no mundo que somos maioría quen queremos poder exercer con total liberdade o dereito a vivirmos na nosa lingua".

Ao tempo, todas as forzas políticas instan a Xunta tamén a que dea cumprimento ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) e ao Estado que cumpra coa Carta Europea das Linguas e "garanta os dereitos lingüísticos dos galegofalantes". 

“O decreto está morto, ninguén o defende” sinalou Marcos Maceira, en referencia ás posicións da RAG, o Consello Escolar de Galicia, a maioría das ANPAS, os sindicatos, e agora por segunda vez o Consello de Europa, o que pon “gravemente en cuestión a fiabilidade internacional e o crédito político do goberno galego e en consecuencia de todas e todos nós”. Para a Mesa, “é urxente visibilizar que estamos unidas as organizacións políticas e as entidades sociais procurando que o noso goberno cumpra cos compromisos colectivos e internacionais sobre a lingua” e que “garanta plenamente a posibilidade de vivirmos en galego como mellor política de promoción do idioma”.

A deputada socialista Concepción Burgo confirmou que “o PSdeG apoiará a moción en todos os concellos ante a gravidade dos feitos, as enquisas reflicten unha baixada no uso do galego e algo vai mal cando temos que facer este tipo de actos”. “O PP sempre relaciona o galego con aspectos negativos, falando de imposición cando o que temos que facer todos é defender a lingua, é o noso de identidade”, engadiu.

Comparecencia d'A Mesa xunto ás forzas políticas Dominio Público @AlternativaGZ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.