0 Gardados para despois

A Xunta evita revelarlle ao Parlamento o custo das dietas nas viaxes oficiais ao estranxeiro

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Hai apenas dúas semanas que está en vigor a nova Lei de Transparencia e, con ela, o portal a través do que a Xunta difunde a súa información. Alén de que siga a empregar formatos de datos pechados e non reutilizables o certo é que, ao abeiro da nova norma, que actualiza a de 2006, o Executivo recompila datos antes espallados, agrega outros novos e facilita o acceso a informacións como, por exemplo, os salarios de altos cargos, dos membros do Parlamento ou dos altos directivos da Administración. O Portal da Transparencia inclúe tamén un apartado dedicado ás viaxes institucionais, un dos eidos con máis deficiencias deste novo espazo. Nel non se achegan cifras a respecto de, por exemplo, se existen dietas nestas viaxes e o seu custo, que o Goberno tamén vén de evitar revelar ao Parlamento.

Cando menos polo momento a única información publicada no Portal sobre as viaxes institucionais da Xunta é a transcrición da comparecencia na que, a finais do pasado decembro, o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, detallou no Parlamento os desprazamentos dos seis meses anteriores. Estas comparecencias semestrais teñen o seu abeiro no "código ético institucional" presentado pola Xunta en 2011, durante unha viaxe persoal de Alberto Núñez Feijóo ao Brasil que suscitara controversia entre a oposición. Con estas intervencións, que non adoitan incluír datos económicos, o Goberno do PP substituíu as comparecencias que o anterior presidente, Emilio Pérez Touriño, realizaba ante o pleno do Parlamento despois de cada viaxe que realizaba ao estranxeiro.

Polo momento, o Portal da Transparencia inclúe só a transcrición da comparecencia do director de Relacións Exteriores sobre as viaxes do segundo semestre de 2015

Neste contexto, o pasado outono o deputado do PSdeG Abel Losada dirixiuse ao Goberno para, a través dunha pregunta parlamentaria escrita, reclamar a "relación nominal de viaxes e dietas percibidas polo presidente da Xunta e os conselleiros e conselleiras do Goberno galego" dende o inicio dese ano. A pregunta, rexistrada o 22 de setembro de 2015, foi respondida pola Xunta a mediados deste mes de marzo. Nela a Vicepresidencia indícalle a Losada que o director de relacións exteriores "comparece regularmente" para informar "sobre os obxectivos, axenda e resultados das viaxes institucionais", dando así "conta da responsabilidade e coherencia da acción de goberno neste ámbito".

Dende xuño de 2011 Gamallo "ten comparecido ata nove veces no Parlamento para dar conta destas cuestións", subliña a resposta. Ademais, agrega, "todos os membros do Goberno informan punutalmente á sociedade dos seus desprazamentos ao exterior mediante comunicados aos medios de comunicación e a través da páxina web da Xunta". "Nembargantes -di- mediante esta comparecencia fornécese unha información de conxunto, de xeito que sexa comprensible a acción do goberno como un todo ben articulado".

Na súa resposta o Executivo remite á comparecencia e cita as normas que regulan as dietas

Alén desta explicación, a Xunta non achega o detalle das viaxes que lle solicitara o deputado nin tampouco a información a respecto das dietas. Así, o Goberno limítase a indicar que "no que respecta ás axudas de custo" aplica as normas contidas nun decreto ditado polo Goberno de Manuel Fraga no ano 2001, no que se definen os diferentes conceptos das indemnizacións por razón de servizo do persoal ao servizo da Administración autonómica, e nun Real Decreto promulgado en 2002 que regula estes custos na Administración Xeral do Estado e no que se fixan importes de ata 300 euros por día para os altos cargos que viaxen a determinados países.

En 2014 a Xunta deu unha cifra xeral do custo das viaxes institucionais

Con esta escasa e inconcreta información o Goberno galego non só non responde ao que o deputado lle pregunta, senón que mesmo reduce a información que a propia Xunta facilitou neste eido no pasado recente. Así, por exemplo, en 2014 outra deputada do PSdeG, Marisol Soneira, preguntou polas viaxes do vicepresidente, conselleiros e conselleiras dende 2009 ata ese ano. A parlamentaria cuestionaba ao Executivo polas axendas dos desprazamentos e o custo de cada un deles e, aínda que o Goberno non atendeu por completo a demanda de información, si deu en facilitar unha relación das viaxes e un custo global das mesmas, que roldaba os 300.000 euros.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.