"Nin Feijóo está convencido de renovar o seu mandato"

O alcalde de Compostela, Martiño Noriega © Óscar Corral

A oposición amósase convencida das posibilidades de derrotar o PP nas vindeiras eleccións autonómicas e de virar o rumbo político en Galicia. O anuncio de Feijóo de que optará a un terceiro mandato vese na esquerda galega como a última bala que lle quedaba aos populares para intentar reter o poder, así como unha imposición de Génova no intento de reter un dos seus feudos logo da numerosa perda de autonomías nos últimos comicios. 

Noriega cre que as "dúbidas" de Feijóo demostran que "nin el mesmo está convencido" de poder revalidar o seu mandato

Este mesmo domingo, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asegurou que "as dúbidas" que Feijóo mostrara durante as últimas semanas respecto á súa decisión final "transparentan" que "nin el mesmo está convencido" de poder revalidar o seu mandato. De feito, o presidente da Xunta advertiu nunha entrevista en La Voz de Galicia da dificultade do reto de acadar outra maioría absoluta. Para o tamén líder de Anova, as mareas están "en posición de optar a disputarlle a hexemonía ao PP"

Tamén ve máis que factible o cambio o BNG. A súa voceira nacional, Ana Pontón, amosouse tamén este domingo convencida de que Feijóo recibirá a carta de despedimento na próxima cita electoral. “Temos o convencemento de que os galegos e as galegas aproveitarán a ocasión e asinarán a carta de despido nas vindeiras eleccións galegas”, despois de que sete anos de goberno conclúan cunha “Galiza máis pobre e desigual e con menor peso político”.

"Os galegos aproveitarán a ocasión e asinarán a carta de despido nas vindeiras eleccións galegas”, di Ana Pontón (BNG)

Pontón cre que “a crónica da candidatura anunciada” de Feijóo concluíu co resultado previsto: repite como cabeza de cartel electoral do PP "porque é o que lle convén ao seu partido, -aquí e en Madrid-, pero está moi lonxe de ser o que lle convén a Galiza", tras sete anos de políticas de dereita “tóxicas” para a maioría social. 

Malia que nin BNG, nin as mareas nin o PSdeG lanzaron a carreira electoral e non contan nin con candidatos á presidencia da Xunta, en todos os casos consideran claro que a alternativa ao PP acabará dándose. Para Martiño Noriega, o proceso de confluencia que supuxo En Marea estará preparada para a "responsabilidade histórica" que ten e advertiu que o candidato será elixido por un "proceso de unidade popular". Preguntado pola posibilidade de que Beiras encabece a lista electoral, o rexedor compostelán indicou que o dirixente nacionalista apoiará o proceso de selección e "ocupará o rol que ten que ocupar". 

Beiras non pecha a porta a ser candidato pero cre que "non é verosímil" pola súa idade

Precisamente, Xosé Manuel Beiras, nunha entrevista na Radio Galega, non pechou a porta a persentarse como candidato pero aclarou que esa opción "non é verosímil". "Non é verosimil que sexa candidato, pero eu nunca dou as cousas por certas porque nos procesos sociais hai un elemento de aleatoriedade moi grande e polo tanto sería estúpido dicir non, non, non vou ser".

Con todo, Beiras asume que "a cuestión é que hai moita xente que di que o Beiras é o que sería asumido como candidato por todo o espectro amplo da esquerda plurar, da esquerda social, que sería polo tanto un factor de unidade diso e iso si que é certo, pero iso é un factor e eu non podo cometer imprudencias". Así, apelou á súa idade e ás súas "capacidades físicas" para aclarar que non estaría "en condicións, na hipótese de saír elixido, de asumir un traballo como presidir un Goberno galego, que non é simplemente facer unha campaña electoral". "Podería cometer unha certa irresponsabilidade cos electores porque non podería garantirlles que vou cumprir o compromiso adquirido", engadiu. 

O voceiro de Anova insistiu en que está no seu epílogo político, pero matiza que "o epílogo pode ser máis longo que calquera dos capítulos dunha obra". "O que pasa é que é o epílogo, non hai ningún capítulo despois", asegurou quen mantén a porta das mareas abertas ao BNG pero aclara que "se un non quere dous non casan".

"Se persisten nesa especie de illacionismo eles saberán o que fan", rematou antes de ser moi crítico co PSOE. "Ten que decidir se recupera a súa identidade orixinaria de partido socialista obreiro ou polo menos socialdemócrata ou se opta por seguir sendo un dos dous piares do réxime da segunda restauración borbónica que está corrompido, que está putrefacto, que está condenado a desaparecer tarde máis ou menos", finalizou tras recoñecer que, mesmo cando fai "números no Parlamento" todo está "calculado". "Non é insensato", di. 

O alcalde de Compostela, Martiño Noriega © Óscar Corral
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.