Compromiso decide como concorre ás eleccións e marca o seu "punto de inflexión definitivo"

Manoel Vello e Orlando Villamayor, de Compromiso © CxG

Os afiliados e afiliadas de Compromiso por Galicia (CxG) decidirán este domingo nunha convención nacional a fórmula coa que o partido concorrerá ás próximas eleccións galegas. Elixirán entre dúas opcións: acudir cunha candidatura propia ou canda outras formacións políticas nun espazo de confluencia.

O secretario nacional de Organización, Manoel Vello, e o secretario nacional de Comunicación, Orlando Villamayor, presentaron este venres o programa dunha convención, que terá lugar no Hotel Congreso de Teo, o vindeiro domingo a partir das 10 da mañá e baixo o lema Compromiso decide

“Somos a única formación política na que a afiliación decide, como neste caso, as grandes cuestións do partido”, din desde CxG

Malia que parece clara a aposta maioritaria por apoiar un espazo de confluencia, será a afiliación do partido galeguista o que elixa. “Somos a única formación política na que a afiliación decide, como neste caso, as grandes cuestións do partido”, aclarou Manoel Vello. “Unha persoa afiliada, un voto, e isto que parece unha obviedade non o é en todas as organizacións”, engadiu.

O secretario nacional de Organización asegurou que en Compromiso por Galicia afrontan este cónclave "como un punto de inflexión definitivo, para ofrecerlle á xente unha ferramenta política integradora, e que dende a sensatez política actúe para resolver os problemas dos galegos e galegas, dende unha óptica de máis autogoberno”.

Ou participar na Marea ou concorrer sós

En canto á estratexia política a seguir de cara ás eleccións galegas, Manoel Vello informou de que os afiliados decidirán entre dúas propostas que se presentaron. Unha que defende participar "nunha candidatura na liña do que foi En Marea nas eleccións xerais e a outra opción que defende a presentación dunha candidatura propia de CxG ao Goberno da Xunta de Galicia".

A militancia elixirá entre unha candidatura "na liña do que foi En Marea" ou unha lista propia para a Xunta

“Estas propostas definen claramente dúas formas de entender a política en Compromiso, sempre dende a óptica do respecto e da liberdade de opinión da afiliación”, rematou Manoel Vello.

Manoel Vello e Orlando Villamayor, de Compromiso © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.