Un grupo de militantes abandona Compromiso para apoiar a Marea

Imaxe da Convención Nacional celebrada este domingo © CxG

Este domingo a Convención celebrada por Compromiso por Galicia acordou por ampla maioría (71% dos votos dos e das militantes asistentes) concorrer en solitario ás eleccións ao Parlamento galego, rexeitando a opción defendida por unha parte da formación de sumarse a unha candidatura plural con En Marea. Foi Xosé Manuel Pérez Bouza o encargado de abandeirar esta proposta, por unha cuestión de "utilidade" (para "propiciar un cambio de goberno e de políticas") e tamén porque -dixo- "participar en solitario sería condenar a Compromiso a un novo fracaso electoral e non coñecemos a ningunha forza política que sobreviva a fracasos electorais continuos".

Este grupo apoiará á Marea nas eleccións, aínda que non conformarán unha nova organización, senón que se integrarán "individualmente desde o ámbito local de cadaquén nas distintas mareas e candidaturas de converxencia"

Apenas unhas horas despois da decisión adoptada, un grupo de destacados e destacadas militantes comezaban a facer efectiva a súa baixa na organización. No grupo, composto por un cento de persoas, aparecen nomes coma os do propio Xosé Manuel Pérez Bouza, ademais de Jéssica Fernández Polo (portavoz municipal de Xuntos por As Pontes), Xulia Guntín, Henrique Monteagudo, Xosé Antón López, Iván Marrube, Paulo Carlos López, Denís Fernández Méndez, Pencha Santasmariñas ou Xabier López. Este grupo sinala que apoiará á Marea nas eleccións ao Parlamento galego, aínda que non conformarán unha nova organización, senón que se integrarán "individualmente desde o ámbito local de cadaquén nas distintas mareas e candidaturas de converxencia, nas que algúns xa estamos integrados de feito desde hai certo tempo". "A nivel nacional galego, participaremos, tamén individualmente, na construción desa alternativa –que xa está en marcha– e que precisa e reclama a maioría social do noso país", engaden.

"Na Convención tomouse non só unha decisión táctica desacertada, senón que tamén se acentuou unha viraxe estratéxica e mesmo ideolóxica cara a posicións centristas e propias dun nacionalismo esencialista"

Nun manifesto titulado Coa Marea. Por Galicia, afirman que "na Convención tomouse non só unha decisión táctica desacertada, senón que tamén se acentuou unha viraxe estratéxica e mesmo ideolóxica cara a posicións centristas e propias dun nacionalismo esencialista, apartándose do espírito e dos documentos fundacionais de Compromiso".

Destacan que “a cidadanía galega leva tempo indicando cal é o camiño para rematar cos gobernos da dereita e coa hexemonía bipartidista, de xeito especialmente nidio nas eleccións municipais e nas xerais de 2015”. Neste senso, sinalan que buscarán "contribuírmos ao proceso en marcha de construción dunha candidatura popular ampla e transversal arredor da Marea”. Realizarán unha achega, conclúen, "desde o galeguismo e o nacionalismo non excluíntes nin exclusivistas, defendendo a autoorganización das forzas políticas galegas, coas miras postas no progreso do noso país, buscando a colaboración entre persoas e forzas coas que temos coincidencias en aspectos fundamentais e reforzando o noso compromiso cos intereses da maioría da nosa sociedade, duramente castigada polas políticas austeritarias”.

Imaxe da Convención Nacional celebrada este domingo © CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.