As bases de En Marea rexeitan con claridade o pacto PSOE-Ciudadanos

Os deputados e unha senadora de En Marea, ante o Congreso © En Marea

A militancia de En Marea di 'non' a apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez que se basee no acordo entre PSOE e Ciudadanos. Así o deixou claro o 95,5% dos participantes na consulta aberta pola coalición, na que participaron 2.013 persoas, o 48,6% dun censo total de 4.140 rexistrados. Ademais, o 86,7% dos inscritos amosáronse favorables a continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para conseguir un goberno de cambio xunto aos socialistas e outras forzas progresistas. 

O 95,5% dos participantes di 'non' ao pacto PSOE-C's nunha consulta na que votou case a metade dos inscritos

A coalición lembra que o resultado da consulta "é vinculante e de obrigado cumprimento para as súas deputadas e deputados". En Marea asegura que estes datos mostran "un sentido claro sobre a posición que debe manter" a formación e é un "rexeitamento nítido" da opción de apoio a un goberno sobre o acordo PSOE-Ciudadanos, así como da "vontade cun amplo apoio" de cara a conformar un goberno de cambio

Desde En Marea aclaran que o obxectivo acordado na mesa coordinadora da formación foi que "as decisións de gran relevancia política sexan adoptadas polas súas bases" e insisten no carácter vinculante da decision tomada polas bases. 

Na consulta participaron máis de 2.000 persoas, case a metade do censo de persoas inscritas en En Marea

A consulta, que se celebrou durante os pasados 19 e 20 de abril, realizouse partindo do censo dos rexistrados na formación en novembro de 2015 para a validación das candidaturas (3.475), aínda que se abriu durante eses mesmos dous días para amplialo a "aquelas que quixesen participar das decisións de En Marea". Finalmente, 665 persoas incribíronse a maiores, ata quedar o censo final en 4.140. A coalición asegura, tamén, que as votacións desnevolvérense sen ningún tipo de problema e "sen incidencias relevantes". 

Na consulta aberta por Podemos, o 88% dos inscritos no partido morado rexeitaron o pacto PSOE-Ciudadanos, mentres que o 91,8% apoiou a coalición cos socialistas, IU ou Compromís para conformar un goberno de cambio. 

RESULTADOS:

Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE-Ciudadanos?
  Número de votos Porcentaxe
SI 90 4,47%
NON 1.923 95,53%
Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemos e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?
  Número de votos Porcentaxe
SI 1.745 86,69%
NON 268 13,31%

 

Acto de 'rendición de contas' de En Marea Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.