Pontón chama á autocrítica pero "mirando con orgullo" a traxectoria do BNG

Ana Pontón, no acto de Pontevedra Dominio Público @obloque

O BNG quixo amosar fortaleza cun acto con militantes e simpatizantes en Pontevedra enmarcado no proceso Adiante de refundación. Nun acto con todo o arrecendo á precampaña, a portavoz nacional e máis que posible candidata á Xunta reivindicou o valor do Bloque "dando a cara por este país, defende os galegos e galegas"

"A política máis vella de todas é a do rancio centralismo español e a subordinación de Galiza", di Pontón

Así, Pontón animou a "mirar con orgullo" a traxectoria do BNG para "disputar o presente" e volveu lanzar referencias á denominada nova política para asegurar que "a política máis vella de todas é a do rancio centralismo español e a subordinación de Galiza”. "Ninquén vai vir de fóra a sacarnos as castañas do lume", dixo, tras animar a "asumir os erros" como punto de partida para "recuperar o apoio social e electoral" e "saír a por todas". 

Pontón aposta por “abrir a organización, mellorar e corrixir os erros” e, ao tempo, “tecer consensos duradeiros para unir a todas e todos os nacionalistas”. Así, defendeu a concorrencia do Bloque nunha candidatura netamente nacionalista aos vindeiros comicios. "Avogamos por sumar a todas e todos os nacionalistas nunha candidatura común, sen dependencias de forzas estatais. Sen sucumbir aos cantos de serea que nos levan a outros portos que non son os nosos", engadiu. 

Pontón cargou contra os deputados galegos no Congreso por "quedar reducidos a comparsas dos intereses doutros partidos estatais"

A portavoz nacional do Bloque tamén cargou con dureza contra os sete anos do Executivo de Feijóo e do PP, de quen dixo que "sempre traizoa os intereses de Galiza e gobernou sen corazón". Ademais, cargou contra Podemos e outras formacións -"as denominadas forzas da esquerda española"- por deixar claro durante etes meses de “xogos florais” que a proclamada prioridade de derrotar á dereita “era un slogan electoral”. Tamén lamentou que Galiza estivese "desaparecida" do debate e cargou contra os deputados de En Marea por "quedar reducidos a comparsas dos intereses" doutros partidos de ámbito estatal. 

Ana Pontón, no acto de Pontevedra Dominio Público @obloque

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.