A Deputación de Pontevedra perde 10 millóns da UE por "irregularidades" na etapa de Louzán

Louzán, nunha presentación do programa depoGAP © Deputación de Pontevedra

"Non é máis que a nosa decidida aposta pola xestión intelixente dos bens da provincia", "un antes e un despois en canto ao xeito de xestionar". En marzo de 2015, en vésperas das eleccións municipais, o daquela presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentaba deste xeito o proxecto depoGAP, un proxecto de "xestión de activos" para "controlar a eficiencia, a modernización e a contención do gasto" financiado nun 70% pola UE. Supostas "irregularidades" na xestión deste plan e doutro, denominado Deputrans, veñen de deixar o actual goberno da entidade, agora dirixida por PSdeG e BNG, sen 10 millóns de euros.

O responsable de economía do actual goberno da Deputación, Carlos López Font, informou este mércores en rolda de prensa dos requerimentos chegados dende o Ministerio de Facenda tras a conclusión das "primeiras auditorías" sobre ambos proxectos. No que atinxe a depoGAP, co que Louzán pretendía tornar a entidade "na primeira administración intelixente de España", Font detalla que o Goberno de España "revoga" a axuda concedida ao abeiro dos fondos FEDER por importe de 6,2 millóns de euros, concedidos en 2011 e que non chegarán a ser abonados.

Facenda, di o gabinete que dirixe Carmela Silva, indica que "dos 8,8 millóns de euros aos que ascendía o orzamento do proxecto" só están "xustificados correcamente" 1,5 millóns, isto é, menos do 20% do total. "Facenda destacou entre as irregularidades detectadas que existen contratos asinados o 9 de marzo de 2015" cun prazo de execución de seis meses" cando o proxecto no seu conxunto tiña que finalizar "o 16 de marzo" dese ano. Existen ademais, din, "defectos nas actas de recepción que non permiten acreditar a execución do contrato en prazo" ou "validar como subvencionables os gastos asociados a dous contratos".

Facenda anuncioulle á Deputación que debe devolver 3,6 millóns de euros e que non lle ingresará 6,2 millóns máis

Aos 6,2 millóns do depoGAP que a Deputación non ingresará engádense "máis de 3,6 millóns" que deberá devolver do Deputrans, un programa encamiñado a "instalar un total de 25 depuradoras en concellos da conca do Miño". Neste caso, lembra o goberno provincial, a retirada de fondos chega dous anos despois de que a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) xa advertira "de que existían irregularidades na subministración das depuradoras, discrepancias na súa localización, irregularidades na contratación das asistencias técnicas para a redacción dos proxectos, imputación de gastos de execución sen xustificar" ou "utilización impropia de procedementos de urxencia" e "falta de comprobación na execución das melloras".

O actual goberno reclama "explicacións" de Louzán e tamén de Rueda, que o sucedeu á fronte do partido na provincia

"O anterior presidente -asegura López Font- ocultou toda esta información dende 2013" e en xullo do pasado ano, "aos poucos días de tomar posesión a nova corporación", o actual goberno tivo que "elaborar e presentar alegacións ao expediente" nun "intento de salvagardar os intereses da institución". Así e todo, Facenda obriga a "descertificar" o 89% do gasto do proxecto.

Neste escenario de "grave prexuízo", o deputado socialista procura "responsabilidades" de Louzán, "pola súa xestión á fronte da institución", pero tamén olla cara ao seu sucesor á fronte do partido na provincia, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Louzán, di, "foi quen xestionou estes proxectos con estes resultados", polo que debe "dar explicacións" e non debería "seguir un minuto máis percibindo un soldo desta Deputación", onde continúa exercendo como asesor do grupo do PP. Rueda, pola súa banda, di, debera "explicar exactamente que medidas vai tomar ante esta situación.

Pousadas baixo escrutinio europeo

Estes dous proxectos non son os únicos do anterior goberno da Deputación de Pontevedra que se atopan baixo a lupa das autoridades comunitarias. Como informou Praza.gal en xuño de 2014, o daquela comisario responsable de loita contra a fraude, Algirdas Šemeta, confirmáralle ao BNG a través de Aralar que a propia OLAF estaba a "avaliar" emprender unha investigación sobre o proxecto Pousadas do Salnés, un plan turístico de máis de 10 millóns de euros que incluía a posta en marcha de catro establecementos en Ribadumia, Armenteira, A Lanzada e Meaño.

A denuncia na que a OLAF valoraba afondar apuntaba que, con este proxecto, o goberno de Louzán "favoreceu promotores e familiares do PP". O pasado setembro a actual presidenta da Deputación anunciaba a súa intención de remitir á Fiscalía e ao Tribunal de Cuentas expedientes deste proxecto, xa que o PP practicamente "triplicou o gasto previsto" para poñelo en marcha.

López Font, detallando os requirimentos de Facenda © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.