Igualdade defende a adxudicación á súa ex xefa de prensa: non foi "ilegal"

Abella, este xoves en Santiago © Xunta

Eran legais. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, saíu este xoves en defensa das contratacións realizadas polo seu departamento nos últimos meses que, como revelou Praza.gal, derivaron en que fosen beneficiarias dos seus contratos menores -os que polo seu reducido importe poden ser adxudicados 'a dedo'-a empresa da súa antiga xefa de comunicación ou unha tenda da súa vila.

A preguntas da axencia Europa Press no transcurso dun acto público a alto cargo da Vicepresidencia da Xunta evitou entrar no fondo da cuestión para evidenciar que os procedementos en cuestión, públicos en virtude da nova lei de transparencia, cumpren a legalidade vixente. "Non houbo ningún tipo de contratación ilegal", polo que non hai "máis que dicir", resolveu López Abella.

Igualdade encargoulle á súa ex xefa de prensa a organización dun foro sobre educación

A secretaria xeral indicou aos informadores, asemade, que no que atinxe á contratación directa da organización dun foro coa compañía da súa ex xefa de prensa, así como no relativo á adquisición de figuras de Sargadelos nun establecemento de Chantada, onde foi edil, o seu propio departamento xa ofrecera explicacións ao ser cuestionado por este diario. "Todos os contratos -sinalou Igualdade na devandita resposta- están tramitados e executados de acordo coa lexislación vixente e fiscalizados no seu caso pola intervención delegada". "Actuamos conforme á lei e coa máxima transparencia", indicaban.

No caso concreto do contrato con Elas Comunicación, empresa que ten como socia presidenta á ex responsable de comunicación de Igualdade, tamén responsable de comunicación na etapa de Manuel Fraga, o Goberno xustificou que se trata dunha "cooperativa formada por tres mulleres", unha das cales "traballou nun departamento da Xunta hai máis de tres anos", o que non a "inhabilita para poder asinar contratos" coa Administración autonómica. No caso das compras en Sargadelos, a explicación indicaba que "era máis barato" que "noutros" puntos de venda.

Abella, este xoves en Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.