A primeira enquisa cara ao 26-X dálle a Ciudadanos un segundo escano en Galicia

Estimación de escanos para as eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

Nas eleccións xerais do pasado decembro houbo diversos datos significativos en Galicia, tales como a caída do PP a uns niveis de apoio cidadán inéditos dende os tempos de Alianza Popular, a emerxencia de En Marea como segunda forza política ou o logro dun escano por parte de Ciudadanos despois dunha campaña na que admitira carecer de propostas para Galicia e durante a cal os seus candidatos chegaron a fuxir, literalmente, da prensa galega. Despois da brevísima lexislatura de catro meses, na que o deputado galego do partido de Albert Rivera, Antonio Rodríguez, non presentou iniciativa ningunha, a formación laranxa estaría en condicións de lograr o seu secundo escano en Galicia.

Ese é, cando menos, o augurio dunha enquisa realizada pola empresa Metroscopia entre os días 19 e 22 deste mes de abril, cando as novas eleccións xerais xa semellaban como inevitables. Segundo este inquérito, despois de ficar en decembro a apenas 8.000 votos de lograr un escano por Pontevedra, Ciudadanos si chegaría a el nos novos comicios. O gran prexudicado por este avance sería o PSdeG, que o 20-D amarrou o derradeiro escano repartido en Pontevedra a través da Lei d'Hondt. Se o augurio se cumprise os socialistas serían terceira forza no país en votos, pero tamén en escanos.

O partido de Albert Rivera ficou a 8.000 votos de arrebatarlle un escano por Pontevedra ao PSdeG o 20-D

Sempre segundo este estudo demoscópico, baseado en 600 entrevistas telefónicas en cada unha das provincias atlánticas e en 400 en Lugo e en Ourense, 2.000 en total, esta sería a única variación nos resultados galegos no que á representación no Congreso se refire. Así, o PP seguiría nos 10 escanos do 20-D, cinco menos que en 2011 e En Marea mantería os 6 que logrou en decembro, ambos coa mesma distribución provincial. Os socialistas repetirían resultados agás en Pontevedra e C's sumaría o devandito escano.

O PP perderían un chisco de apoio nas provincias atlánticas e En Marea avanzaría nas catro circunscricións

Esta distribución de escanos derivaría dunha votación na que si habería, di a enquisa, algunhas mudanzas a respecto do 20-D. Así, os populares verían reducido o seu apoio en medio punto en Pontevedra e en algo máis dun punto na Coruña, mentres que recuperarían un punto en Ourense e tres décimas en Lugo. En Marea, sinala o inquérito, avanzaría medio punto na circunscrición cous puntos en Pontevedra e case tres en Lugo, mentres que en Ourense repetiría resultado. Os socialistas caerían entre 1 e 3 puntos nas catro circunscricións e Ciudadanos tería un avance equivalente.

A enquisa non ten en conta que o BNG concorrerá ao 26-X coas súas siglas

Esta é unha proxección que, así e todo, non ten en conta a que será un dos cambios na campaña electoral galega cara ás novas xerais: O BNG concorrerá desta volta coas súas siglas, tal e como ratificou a dirección nacionalista, e non coas de NÓS-Candidatura Galega. Resta saber, polo tanto, se o regreso da marca electoral do Bloque á carreira electoral provoca o regreso de parte do seu electorado e se ese eventual retorno é dabondo para mudar os resultados que deixaron a organización soberanista fóra do Congreso o 20-D.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.