A xustiza investiga unha presunta trama de subornos na área de Urbanismo da Coruña

Pazo municipal de María Pita © Concello da Coruña

A xustiza investiga na Coruña unha presunta trama corrupta por parte de empregados do departamento municipal de Urbanismo. A queixa expresada por un cidadán, que denunciou ter pagado a un funcionario para facilitarlle unha licenza, derivou nunha investigación por presuntos cobros de subornos por parte de traballadores da concellaría a cambio de facilitar a concesión de licenzas urbanísticas ou de evitar que se perdesen as que xa estaban outorgadas. 

A queixa dun veciño por ter que pagarlle a un funcionario por facilitar unha licenza derivou na investigación

É o xulgado de instrución número 6 o que está a investigar esta causa na que a Fiscalía denunciou xa un funcionario que foi cambiado de posto e servizo polo Concello, personado como acusación particular. Todo xurdiu logo de que un veciño se queixase ante unha traballadora de Urbanismo por ter pagado a un funcionario para que lle facilitase os trámites, un feito que a traballadora comunicou aos seus superiores o pasado mes de novembro. O executivo local reaccionou achegando tan só tres días despois esta información á Fiscalía, que denunciou o funcionario ante o xulgado.

Malia que só hai un encausado polo momento, fontes achegadas a esta investigación aclaran que é moi probable que estas prácticas de suborno leven anos cometéndose na área de Urbanismo da Coruña, onde se investiga agora unha presunta trama que afectaría varios traballadores que recibían cartos a cambio de dar ou non revogar licenzas. 

Unha funcionaria puxo en coñecemento dos seus superiores a queixa e o goberno local achegou a información á Fiscalía

No caso que acabou por derivar na investigación, o funcionario sería sospeitoso de facer desaparecer documentación dos expedientes para evitar que caducasen as licenzas. A cambio, solicitaba o pagamento dun suborno. Malia que a denuncia do veciño -e a posterior da funcionaria aos seus superiores- data de principios do mes de novembro, o goberno local non tiña feito pública a investigación aínda que si deixou claro nalgunhas intervencións a existencia de investigacións xudiciais sobre prácticas sospeitosas levadas a cabo durante o mandato de anteriores executivos

Desde o Concello aseguran que se limitaron a trasladar a información á Fiscalía no momento no que coñeceron as denuncias e aclaran que non hai novidade ningunha máis aló da investigación que se leva a cabo no xulgado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.