Aymerich será o líder da nova corrente interna do BNG

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Incógnita resolta. Un dos principais interrogantes que quedou sobre a mesa tras a reestruturación do mapa interno do BNG pola marcha do Encontro Irmandiño e Máis Galiza era o papel que xogaría o ata ese momento voceiro parlamentario, Carlos Aymerich. O que fora líder de +G xa anunciara daquela que os membros da corrente que decidiran ficar no Bloque se organizarían de novo e así o farán, como ten informado este diario, a través da nova corrente Abrente-Esquerda Democrática Galega. Pero restaba saber se Aymerich se poría de novo á fronte ou optaría por manterse nun segundo plano. Finalmente, chegou a decisión e o deputado será o líder do novo grupo.

Abrente vén de confirmar que, na súa constitución do vindeiro sábado 9 de xuño, a "xestora de militantes" de Abrente nomeará a Aymerich "secretario executivo da formación". Isto acontece, segundo confirman fontes nacionalistas, despois de que o deputado recibise numerosas mostras de apoio dentro do propio grupo, no que varios membros destacados "lle pediron" que fose o "referente" desta nova andaina. Sobre esta base Aymerich asumirá o novo cargo coa premisa de que "non se trata de dar unha batalla", senón de "achegar propostas" dentro do BNG "para chegar mellor á cidadanía e facer" da formación frontista "a forza hexemónica e maioritaria", salienta. Neste sentido, coida que a posta en marcha de Abrente "non é o final, senón o inicio" dunha "expectativa de cara á reconstrución da pluralidade" no Bloque.

"Traballaremos para recuperar a unidade do nacionalismo", sinalan dende Abrente

Neste sentido, como adiantou Praza os textos que se debaterán na conferencia fundacional do colectivo sinalan que a formación frontista "pode e debe ser a casa común dos e das nacionalistas" e por iso, din, "traballaremos para recuperar, no seu seo, a unidade do nacionalismo". Por ese mesmo motivo dende Abrente explican que a "vocación" coa que nacen é "de permanencia" na actividade interna do BNG, onde defenderán "piares básicos" como un "modelo social e económico" de "solidariedade e combate das discriminacións" ou a "existencia dun sector público eficaz que poida intervir para mellorar a eficiencia dos recursos". Nese sector, subliñan, inclúen a "creación dunha banca pública galega", como vén defendendo o Bloque nos últimos meses.

Estes e outros aspectos son os que se tratarán nunha conferencia constituínte que culmina o proceso iniciado o pasado 14 de abril por unha xestora na que, ademais do propio Aymerich, se atopa a vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Luisa Bouza, membros do Consello Nacional como Camilo Nogueira, María Alonso e Xesús Veiga, o deputado provincial ourensán Luís Seara, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González e o rexedor de Bueu, Félix Juncal, ademais doutros representantes do mundo municipal, entre outros. "Tamén poderán participar todos os militantes do BNG que queiran compartir a idea dun na cionalismo de esquerda democrática e cunha clara vocación unitaria", engaden.

Carlos Aymerich, nunha intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.