O PSdeG descobre as súas cartas cara ás primarias

Méndez Romeu, no Parlamento © PSdeG

A carreira cara ás primarias do PSdeG vaise despexando a cada paso non sen antes amosar os diferentes camiños que agora se seguen no socialismo galego. O voceiro parlamentario José Luis Méndez Romeu foi o último en anunciar oficialmente que aspira a ser candidato á Xunta, escenificando os seus apoios. Antes, Xaquín Fernández Leiceaga -apoiado pola actual xestora- e Gonzalo Caballero -militante de Vigo que aposta por ser a opción da base pero que carece de apoios nos diferentes sectores dirixentes- confirmaran a súa candidatura. Falta por saber se Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, únese ao trío de aspirantes, logo de que criticase con dureza a opción do seu voceiro na Cámara galega. 

Méndez Romeu responde ás críticas amosando a fortaleza dos seus apoios: Vigo, o 'pachismo' e Orozco

Méndez Romeu compareceu este venres respondendo ás críticas amosando a fortaleza dos seus apoios: os afíns ao ex secretario xeral Pachi Vázquez, o ex alcalde de Lugo López Orozco e a agrupación máis poderosa: Vigo. O propio Abel Caballero asumiu que a presenza na foto do voceiro no Concello, López Font, era "significativa".

Tamén a de Orozco. Ou a defensa que Pachi Vázquez fixo de Romeu nas redes sociais, ao censurar as palabras de Formoso -que aludiu á idade do portavoz parlamenario ao asegurar que o PSOE "non é de portavoces de 60 e pico anos"- e asegurar que "democracia e idade non están reñidas" e aludir ás primarias demócratas nos EUA, con dous aspirantes que pasan dos 65 anos. Ou Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que censurou o "xogo sucio", no que puido incluír a Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, que pediu "frescura" tras o salto á palestra de Méndez.

Mentres, desde a xestora, Pilar Cancela intentou desvincular a dirección provisional do apoio a Fernández Leiceaga e expresou con "rotundidade" e "seriedade" a súa total "neutralidade" no proceso, malia que son demasiadas as voces -e as evidencias- que relacionan claramente a Besteiro con esta candidatura e co seu intento de obter o apoio de Ferraz. Ao tempo, Formoso advirte que está en proceso de reflexión e que aínda non decidiu se se presentará ou non, un prazo que se lle acaba esta vindeira semana. 

Cancela proclama a "neutralidade" da xestora malia o apoio a Fernández Leiceaga

O 28 de maio será a data das primarias e o elixido terá tempo e calma para alcanzar a visibilidade e impulso co que tratará de evitar o sorpasso das Mareas nas autonómicas e que xa sufriu o partido nas eleccións xerais. Tamén para unir un partido coas costuras abertas e que terá, o 26 de xuño, unha proba importante. Outro mal resultado nos comicios estatais suporía un novo golpe. E outra nova dificultade para calmar as augas. 

Méndez Romeu, no Parlamento © PSdeG
Xoaquín Fernández Leiceaga © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.