A Xunta, condenada por denegarlle unha axuda a unha inmigrante tras esixirlle requisitos ilegais

O conselleiro de Política Social e o director de Inclusión, visitando unha entidade © Xunta

No ano 2013 a Xunta presentou a súa lei de inclusión social como unha das súas principais mostras de "compromiso con aqueles que máis o precisan", de que "non nos é indiferente o desamparo de ninguén", en verbas do xefe do Goberno, Alberto Núñez Feijóo. Esta norma regula, entre outras, as axudas de inclusión social, prestacións puntuais destinadas a atender "situacións de grave emerxencia" para "sufragar gastos extraordinarios e urxentes" que, de non ser atendidos, "poden desencadear un proceso de exclusión social". Unha destas axudas foi solicitada a finais de 2014 por unha muller inmigrante residente en Ourense cunha filla acabada de nacer e, malia cumprir os requisitos marcados pola lei, a Xunta denegoulla. Agora a Administración vén de ser condenada por un xuíz a pagar o subsidio e, ademais de acreditar que lle esixiu cumprir criterios ilegais, establece unha compensación por danos morais.

Tras a primeira denegación da axuda, a muller recorreu ante a Consellería de Política Social, que desestimou o seu recurso en xullo de 2015. No entanto, no canto de desistir, en outubro do mesmo ano interpuxo un recurso nos xulgados asistida polo avogado que lle foi asignado na quenda de oficio -a asistencia xurídica gratuíta-, Miguel Diéguez. A argumentación ante o xulgado era sinxela, tal e como recolle a sentenza a finais do pasado maio, á que tivo acceso Praza.gal: a Xunta reclamáralle á solicitante a presentación da tarxeta de identificación e do permiso de residencia, do que carece. Pero esa documentación "non era esixible en atención á axuda solicitada", o que implica "vulnerar a lei" de inclusión e mais a lei de estranxeiría do ano 2000.

Política Social reclamoulle á muller que presentase o permiso de residencia, do que carece, malia que "non era esixible" para acceder á axuda de inclusión

"Se se observa o expediente, a petición efectuada é clara", argumenta o xuíz. O que a muller migrante solicitara era unha axuda de inclusión, e para acceder a ela "o determinante", segundo a lei, "é que concorra unha situación de extraordinaria emerxencia, que na situación que nos ocupa non se discute", e que ademais a persoa que a solicita "sexa maior de idade, teña a súa residencia e estea empadroada en calquera dos concellos galegos e careza de ingresos". Con "total claridade", abonda o ditame, a muller "reunía os requisitos no momento da solicitude, polo que a axuda debeu ser concedida. Neste subsidio é "irrelevante" a "tenza ou non de permiso" de residencia, algo que non acontece, por exemplo coa Renda de Inserción Social (Risga), o que leva o maxistrado a cuestionar se a Xunta "confundiu" ambas axudas.

Unha vez concluído que a muller tiña dereito á axuda, o xuíz detense tamén na conveniencia de compensala por danos morais. "Poden presumirse facilmente", explica a sentenza, toda vez que a muller se atopaba "nunha situación de urxencia" e "non só non se viu asistida pola Administración malia ter dereito", senón que "viu obstaculizada inxustificadamente a súa petición, ata o punto de ter que acudir á vía xudicial para o recoñecemento dos seus dereitos". E fíxoo, salienta, malia á "facilmente comprensible dificultade" que "puido supoñer para unha persoa na súa situación, inmigrante sen residencia legal e cunha filla acabada de nacer".

Xuíz e letrado destacan a "valentía" da muller, xa que as persoas migrantes en situación irregular non adoitan recorrer á Xustiza por "medo" á expulsión

Neste punto incidiu, precisamente, o avogado da muller durante o xuízo. O feito de recorrer a negativa da Xunta supón toda unha mostra de "valentía no exercicio dos dereitos da demandante", toda vez que "non existe doutrina" dos tribunais sobre estas cuestións. A causa, subliñou, non é outra que "o medo a reclamar os dereitos" por parte deste colectivo, toda vez que "entenden" que, se o fan, "poden ser expulsados. Neste punto, salientan fontes xurídicas, foi determinante o labor do avogado e, xunto a el, o da traballadora social do Concello de Ourense que acompañou a muller migrante durante todo o proceso.

A Xunta terá que pagar a axuda que denegara e mais unha compensación por danos morais

Así as cousas, e aínda que o propio xuíz admite na sentenza que o encaixe máis preciso da compensación sería o da "responsabilidade patrimonial", considerou axeitado valorala como danos morais para así "evitarlle" á muller "unha nova peregrinaxe, primeiro ante a Administración" e despois, nos xulgados do contencioso-administrativo. Deste xeito, a Xunta é condenada a pagarlle á muller a axuda de inclusión de 1.065 euros á que tiña dereito cando a solicitou e outros 1.000 euros por danos morais. Terá que abonar, ademais, 235 euros adicionais polas costas do proceso. A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso ningún.

O conselleiro de Política Social e o director de Inclusión, visitando unha entidade © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.