Leiceaga pide unidade no PSdeG, ao que reivindica como "a alternativa de cambio seria"

Fernández Leiceaga intervén en Santiago Dominio Público @PSdeG

Xaquín Fernández Leiceaga celebrou este sábado o seu acto de proclamación como candidato do PSdeG á Xunta tras a súa vitoria nas primarias. Con continuas apelacións á renovación e á unidade do partido, o aspirante socialista adiantou "o tempo dun novo comezo para o Partido Socialista de Galicia" e deu "a benvida, cos brazos abertos e o corazón limpo" a todos, tamén a aqueles que apoiaron "outras opcións". "Porque todos e todas somos necesarios", dixo. 

Leiceaga reivindicou "o tempo dun novo comezo" para o PSdeG e pediu unidade a todos os sectores do socialismo

Foi nun acto no que non estivo Abel Caballero nin o derrotado nas primarias, Méndez Romeu, pero si acudiron históricos como José Blanco, Antón Louro ou Sánchez Bugallo. Entre os discursos, destacou tamén o de Gonzalo Caballero, outro aspirante á candidatura, apeado da carreira pola falta de avais e fundamental na vitoria de Leiceaga. Apelou á "reconexión" e recibiu moreas de aplausos tras a súa intervención, unha das que se escoitaron nun evento no que tamén falou Pilar Cancela, presidenta da xestora, Aitor Bouza, das Xuventudes Socialistas, ou o presidente da Fegamp, Alfredo García. 

“Feijóo tiña sona de bo xestor e revelouse unicamente como un contable, pero o que Galicia necesita é un presidente que crea nela”

“Feijóo tiña sona de bo xestor e revelouse unicamente como un contable, pero o que Galicia necesita é un presidente que crea nela”, dixo despois Leiceaga, que despois dos agradecementos e a mensaxe en clave interna lanzou os seus primeiros ataques preelectorais ao xefe do Executivo galego. Tivo tamén alusións a Podemos e asegurou que no PSdeG non podían "prometer o ceo nin asaltalo", pero si "mellorar a terra na que vivimos". 

O candidato socialista lembrou tamén que nos atopamos “nun momento crítico, xa que a obsesión polo axuste contable do PP de Feijóo deteriorou os servizos públicos como a sanidade e a educación, afectou negativamente ao ritmo de crecemento económico e precarizou o emprego”. “O cambio é posible, existe unha fonda demanda de cambio na sociedade galega e que depende de nós que o  impulso transformador que hoxe ten Galicia conclúa nun novo goberno progresista, encabezado polo Partido Socialista, despois dos comicios previstos para o outono”, asegurou.

Fernández Leiceaga engadiu tamén que “a alternativa de cambio seria e solvente que os cidadáns precisan" é a do PSdeG e lembrou que "sempre que houbo cambio político en Galicia, o liderado foi do Partido Socialista”. Ademais, prometeu consolidar “unha alternativa que exprese con nitidez un contido de cambio, con rigor e solvencia”.

Fernández Leiceaga intervén en Santiago Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.