O BNG esixe en Ferrol "un tren deste século, non de hai 100 anos e máis lento que unha bicicleta"

Callón, Pontón e outros membros do BNG, no acto a prol do tren de proximidade CC-BY-NC-SA BNG

"Se agora collemos unha bicicleta cara á Coruña, chegaremos máis rápido dende Ferrol que no tren". O candidato do BNG pola provincia da Coruña ás xerais, Carlos Callón, ilustra deste xeito o estado das conexións ferroviarias de Ferrolterra en concreto e tamén de boa parte do país. Nun dos seus primeiros actos da campaña cara ao 26-X Callón, acompañado pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, subiu ao tren entre Ferrol e Xuvía nunha viaxe simbólica para sinalar a importancia de que "Galiza estea" no vindeiro Congreso dos Deputados.

"Agora o que temos é un tren chu-chu que vai á mesma velocidade e pola mesma liña que cando se inaugurou, hai 100 anos"

"Se o BNG está, Galiza está", resume, e esa presenza é imprescindible, ao seu xuízo, para confrontar coa "amnesia selectiva das forzas políticas estatais, que só se lembran de Galiza en campaña electoral". "Un deputado do BNG pode ser máis útil que 24 ás ordes de Rajoy, Sánchez, Iglesias ou Rivera", asegura, e esa "utilidade" serviría, por exemplo, para "demandar conexións de cercanía eficaces para o conxunto do país", a comezar por áreas como Ferrolterra.

"Agora -afirma o que temos é un tren chu-chu que vai á mesma velocidade e pola mesma liña que cando se inaugurou, hai 100 anos". "O que precisamos son horarios e servizos adaptados ás necesidades dos residentes de 2016", resalta. E en eidos coma este, agrega Pontón, no que cómpren "solucións concretas a cuestións moi concretas", non será efectivo o "inmobilismo do señor Rajoy", pero tampouco "o intercambio de sillóns entre Sánchez e Iglesias". No entanto, di, unha "representación" do BNG si pode lograr do vindeiro Goberno de España "un transporte ferroviario do século XXI".

Pontón: "Pregúntome se Feijóo está preparándose para o clube da comedia ao dicir que a solución é volver votar a Rajoy"

A líder do Bloque apelou ao voto para Callón e o resto de candidaturas da formación soberanista nun contexto no que, di, "resulta irrisorio escoitar o señor Feijóo recomendarlles aos galegos e galegas cabreados co espectáculo destes cinco meses" que "o futuro é o señor Rajoy". "Pregúntome -ironiza- se o presidente da Xunta está preparándose para unha nova carreira que o leve ao club da comedia". Tras o "fiasco da mini lexislatura fracasada", asegura, resulta "cómico" que "a solución" poida ser "volver votar a Rajoy".

Tras o acto en Ferrol centrado no ámbito ferroviario, Ana Pontón participa no serán deste venres no mitin central da xornada en Pontevedra. Agárdase, como adoito, que este sexa un dos actos máis concorridos da campaña do Bloque, onde nesta ocasión Pontón compartirá protagonismo con Luís Bará, concelleiro na cidade e cabeza de lista pola circunscrición pontevedresa ao Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.