0 Gardados para despois

En Marea pide a gratuidade dunha AP-9 galega e sen “amiguetes do PP”

Redacción | @prazapublica

En Chapela (Redondela), á entrada de Vigo, onde a AP-9 circula máis preto de vivendas, aínda máis coas obras de ampliación que están en marcha, En Marea reclamou este martes a transferencia da titularidade da autoestrada á Xunta. A proposta xa a defenderon no Congreso sen éxito os seus deputados na breve lexislatura que vén de rematar e prometen volver presentala tras as eleccións. “A AP-9 é a vía que vertebra o noso país e cremos que está absolutamente amortizada e que debemos rematar coa política de amiguetes do PP, máis cando xa levan ingresados 2.400 millóns de euros en 36 anos”, salientou a candidata por Pontevedra Alexandra Fernández.

A formación volverá reclamar que a titularidade da autoestrada que xestiona Audasa pase de Fomento á Xunta, proposta que tamén defenden PSdeG e BNG

Como En Marea, tamén o BNG vén reclamando hai anos que Fomento transfira á Xunta a titularidade dunha vía que xestiona en concesión Audasa ata 2048, logo de que o Goberno de José María Aznar lla prorrogase ata o máximo legalmente permitido. Mesmo o PSdeG incluíu no seu decálogo de principais medidas desta campaña a transferencia da infraestrutura e “modular o sistema de peaxes”. Mesmo o PP pide desde Galicia unha transferencia que o mesmo partido bloquea en Madrid.

En Marea considera que “recuperar a concesión da AP-9 beneficiaría economicamente todo o país e facilitaría a cohesión territorial”. E argumenta que a concesionaria xa recuperou sobradamente o seu investimento e está a obter beneficios millonarios, o que non lle impide seguir recortando persoal. “Non se aplica ningún tipo de rebaixa nos custes da peaxe e o seu mantemento é cada vez peor”, critica En Marea. Porén, si existen rebaixas como a gratuidade para as viaxes de volta no mesmo día entre Vigo e Pontevedra e descontos do 25% na viaxe de volta do resto de percorridos, e Audasa ten en marcha na actualidade as maiores obras de mantemento e renovación dos últimos anos.

En Marea di que a gratuidade beneficiaría a economía galega e remataría coa exclusión das persoas con menor capacidade económica

En Marea tamén critica que “a concesionaria está a incrementar dun xeito desorbitado os prezos das peaxes, excluíndo ás persoas con menor capacidade económica e dificultando así a viabilidade de moitas empresas locais que necesitan do transporte por autoestrada para poder desenvolver a súa actividade produtiva”. O incremento das peaxes fíxao o titular da vía, Fomento, segundo a inflación e formulas de actualización asinadas coa empresa cando se lle outorgou a concesión.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.