O BNG demanda dende O Burgo a rexeneración integral das rías galegas

Acto de Carlos Callón e Ana Pontón na Ría do Burgo Dominio Público BNG

O candidato de BNG-NÓS pola Coruña, Carlos Callón, e a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, calzaron unhas botas de goma para poder pisar o solo da Ría do Burgo e reclamar in situ a retirada dos lodos e a rexeneración integral das rías galegas, un ecosistema único en Europea que leva décadas esperando que se complete o saneamento das súas augas.

“Menos promesas electorais e que as máquinas se poñan dunha vez por todas a retirar os lodos da Ría do Burgo”, reclamou Callón

Callón lembrou que estes espazos “foron a primeira empresa de Galiza". "Só a Ría da Coruña xeraba 5.000 empregos e hoxe apenas un cento de mariscadoras, que traballan en condicións de precariedade porque non chegan ao salario mínimo”, denunciou. “Menos promesas electorais e que as máquinas se poñan dunha vez por todas a retirar os lodos da Ría do Burgo”, reclamou o número 1 da candidatura pola Coruña, tras criticar a “amnesia selectiva das forzas estatais que se lembran de Galiza en campaña electoral, porque só nos ven como unha despensa de votos”.

Pola súa banda, Ana Pontón salientou "o traballo do BNG na rúa e nas institucións para esixir a rexeneración das rías". “Paréceme moi ben que o señor Rajoy se emocione visitando un campo de alcachofas, como declarou o outro día en campaña electoral. Pero tamén nos gustaría que se emocionase o suficiente para cumprir esa eterna promesa de que se van retirar os lodos das Rías do Burgo e de Ferrol, que se emocionase e, dunha vez por todas, haxa orzamentos para completar o saneamento integral das rías galegas, ecosistema único en Europa, fonte de riqueza e de emprego”, demandou Pontón.

Pontón salientou "o traballo do BNG na rúa e nas institucións para esixir a rexeneración das rías"

Callou reclamou o "valor dobre do voto ao BNG". “A nosa representación servirá para pasar a páxina do inmobilismo carca de Rajoy, a diferenza dos que permitiron que continuara ao longo desta lexislatura fracasada e, ao mesmo tempo, imos falar de Galiza 365 días ao ano”, dixo. Pontón afondou na mesma idea: “Galiza non vai existir no Congreso nin para o bipartidismo carca, nin para o bipartidismo guai. Deputados e deputadas como Carlos Callón van estar alí non par darlle ao botón cando lles manden Pedro Sánchez, Pablo Iglesias ou Rajoy. Van estar aí cando teñamos que dicir si á rexeneración da Ría do Burgo, si a unha AP9 libre de peaxes".

Acto de Carlos Callón e Ana Pontón na Ría do Burgo Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.