As derradeiras enquisas legais da campaña sitúan Pontevedra como a gran batalla galega do 26X

Estimacións de escanos para o 26X CC-BY-SA Praza Pública

Un escano do PSdeG en Pontevedra e, en segundo termo, o único posto de Ciudadanos pola Coruña. Son as dúas principais incertezas que debuxan para Galicia as derradeiras enquisas legais da campaña do 26X, toda vez que dende este luns e ata a xornada dos comicios a lei electoral impide a difusión de inquéritos, aínda que El Periódico de Catalunya xa avanzou que, de novo, a súa edición en Andorra seguirá a publicar un tracking diario dende o país pirenaico.

As sondaxes difundidas entre este domingo e este luns trazan un panorama no que, maioritariamente, a demoscopia augura que o PP non se recuperaría da súa histórica caída do 20D, de 15 a 10 escanos por Galicia, aínda que ningunha pon en dúbida a súa condición de primeira forza. Só unha, a de El Mundo, abre a porta á posibilidade de que recupere un posto por Pontevedra en detrimento do PSdeG, que xa en decembro ficou a 8.000 votos de ceder ese segundo escano pontevedrés, pero a prol de Ciudadanos.

As sondaxes auguran que o PP non se recuperará da caída do 20D, asentan En Marea como segunda forza e poñen en risco un escano do PSdeG en Pontevedra

A coincidencia xeral entre os inquéritos a respecto das circunscricións galegas prodúcese tamén no que atinxe á segunda praza, na que todos manteñen a En Marea. Mentres que La Voz de Galicia e ABC sitúan, como xa fixera o CIS, á coalición ao bordo do sétimo escano -igualando en representación ao PP en Pontevedra, con cadanseus 3 representantes-, as enquisas que publican El País, La Razón, e El Mundo sinalan que terá os 6 escanos que xa obtivo en decembro.

As maiores dúbidas sobre o mantemento da representación galega obtida hai medio ano son, segundo estas sondaxes, para o PSdeG. Tres deses inquéritos -La Voz, El País e El Mundo- réstanlles aos socialistas o seu segundo escano pontevedrés, o que deixaría sen asento a Guillermo Meijón quen, paradoxalmente, foi o deputado galego máis activo no Congreso na breve lexislatura fallida. No que atinxe aos votos, aínda o inquérito de El Mundo mellora un chisco as súas porcentaxes, todas as enquisas manteñen o PSdeG como terceira forza.

Os inquéritos sitúan a Ciudadanos entre os 0 e os 2 escanos en Galicia

Os prognósticos sobre Ciudadanos son, pola súa banda, os máis dispares. La Razón e ABC indican que o partido de Albert Rivera manterá o único escano galego que logrou o 20-D, o da Coruña, mentres que La Voz de Galicia llo resta para sumarllo ao PP. Mentres, El País e El Mundo non só non poñen en risco a representación coruñesa do partido laranxa, senón que abren a porta a que logre un segundo asento, o que periga para o PSdeG en Pontevedra. O BNG, segundo estes inquéritos, non obtería representación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.