Rajoy, triunfador nas portadas do día despois

Primeiras páxinas de diarios impresos deste 27X CC-BY-SA Praza Pública

"Todos perden, agás Rajoy". O titular que abre a portada de eldiario.es este 27 de xuño é un bo resumo do sucedido na noite electoral, pero tamén de boa parte das interpretacións da prensa dixital e de papel, tanto en Galicia como no conxunto do Estado. As imaxes dun Mariano Rajoy triunfante grazas á recuperación do seu partido mentres todos os demais perden son as grandes protagonistas das crónicas das eleccións máis sorprendentes dos últimos anos.

"O PP refórzase e o bloque de esquedas perde terreo", di El País nunha interpretación complementaria á de El Mundo: "Os españois danlle outra oportunidade a Rajoy". "Rajoy gaña" ou, o que é o mesmo, "Gaña Rajoy", son os sintéticos titulares de El Periódico de Catalunya e La Voz de Galicia, mentres que os diarios impresos do grupo Prensa Ibérica, como Faro de Vigo, así como El Progreso e El Correo Gallego sitúan "reforzado" un líder do PP que non oculta a súa satisfacción nas fotos principais.

As análises do triunfo de Rajoy comparten espazo co mantemento do segundo posto do PSOE e a incerteza sobre a formación de Goberno

As incógnitas sobre o papel que xogará o PSOE tras asinar o seu peor resultado nunhas xerais comparten protagonismo coa tristura que destilaban na noite electoral os dirixentes de Unidos Podemos. "Unidos Podemos fracassa no sorpasso", apunta eldiario.es; "Sánchez vence ás enquisas pero afástase de La Moncloa", indica El Español. En clave galega, Galicia Confidencial subliña que o 26X reforza o PP, pero tamén o PSdeG cara ás autonómicas e Sermos Galiza indica que a suma de PP e Ciudadanos supera amplamente á dos socialistas cos de Pablo Iglesias.

Na prensa internacional, algúns dos principais xornais portugueses como Público ou o Diário de Notícias cadran en salientar o incremento de votos do PP de Rajoy, pero tamén a incerteza a respecto das súas posibilidades para formar goberno. No mesmo sentido, o italiano Corriere della Sera fíxase en que España segue "sen maioría"

Portada de eldiario.es CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.