Lara Méndez: "Galicia precisa un cambio e negarse a acordos é negar a evidencia"

Méndez, nunha xuntanza cos grupos municipais do Concello de Lugo © Concello de Lugo

Lara Méndez é dende o pasado ano alcaldesa de Lugo, onde o PSdeG ostentaba a alcaldía dende 1999 con Xosé López Orozco á fronte. A esixencia do resto das forzas de esquerda da saída de Orozco situou a Méndez como primeira rexedora da historia da cidade e doce meses despois asegura que non se arrepente de asumir o reto. A veciñanza e os diversos colectivos da cidade, afirma, puxéronlle "doado" poñerse a traballar mentres, na casa do Concello, admite, a fragmentada correlación de forzas -o goberno ten 8 dos 25 edís da corporación- obriga a procurar pactos de xeito practicamente constante. Ese exercicio de "consenso" ben podería ser o modelo para Galicia a partir do vindeiro outono, reflexiona en plena análise dos resultados das eleccións xerais.

Despois das expectativas que se mantiñan durante a campaña, con que sensación quedou tras os resultados? De resistencia do PSOE, de satisfacción porque puido ser peor dadas as circunstancias…
Satisfacción, non. Porque a forza máis votada é o PP e como persoa progresista e de esquerdas non podo estar satisfeita. Porque isto é un beneplácito a políticas que lle fan moito dano á clase media e á clase obreira, xusto o que nós queremos combater cun cambio, para buscar outras políticas que axudasen á maioría, que esa clase media e obreira. Tal e como se formulaban as enquisas hai que facerse preguntas sobre a súa veracidade; todos somos conscientes de que existe marxe de erro, pero as enquisas están para orientar sobre a intención de voto, non para confundir ou darlles outros usos. Pero, en todo caso, despois de que se formulase o sorpasso, tanto en Galicia como en Lugo o que houbo foi sorpasso do Partido Socialista. E si estamos satisfeitos por estar indo no bo camiño, aínda que queda moito por facer. Temos que seguir recuperando espazos e credibilidade.

No caso tanto galego como lucense, unha das verbas máis repetidas na noite electoral foi “resistencia”, tendo en conta os resultados de decembro e a inversión, agora, da correlación de forzas con En Marea.

"Estamos nun novo escenario político no que nos facemos fortes para ser referentes na esquerda"

Eu non falo de resistencia. Gústame falar de bo traballo, de recuperar espazos nun novo espazo político cun fraccionamento que nunca vivíramos, que xa se iniciou nas europeas e vivimos nas municipais e nas comunidades autónomas nas que houbo eleccións. Estamos nun novo escenario político no que nos estamos facendo fortes de novo para ser referentes na esquerda. As mareas xeraron expectativas, a xente ilusionouse con elas, pero agora está vendo que non deron resultado. Agora teñen capacidade de goberno en distintos concellos e unha cousa é predicar e outra, dar trigo.

En clave interna, canto cre que se xogaba e como cre que sae destas eleccións o candidato á Xunta, o señor Fernández Leiceaga?
Eu creo que sae mellor, porque o partido sae mellor. Trátase de recuperar ese espazo, e niso estamos a traballar.

Hai un ano falábase de Lara Méndez como “alcaldesa por sorpresa”, alcaldesa inesperada. Pensou nalgún momento neste ano: “Onde me metín!”?
En absoluto. Porque, en todo caso, a pregunta sería: Onde me metín? Metinme no Partido Socialista hai moitos anos porque creo que se poden cambiar as políticas e iso faise dende as institucións que teñen a capacidade de mellorar a vida das nosas veciñas e veciños. É un novo escenario, cun novo marco que ás veces dificulta a acción política, pero sei onde me metín, no PSOE e co afán de aportar un gran de area para mudar o mundo.

Sentiuse dende o inicio coas mans libres? Ata que punto é alargada e condiciona a sombra dunha figura como a do señor López Orozco?

"Estou moi orgullosa do noso pasado, pero sempre tiven as mans libres para tomar decisións"

Estou moi orgullosa do noso pasado, pero sempre coas mans libres para tomar decisións. Ser a cabeza visible dun proxecto implica selo para o bo e para o malo. Sempre asumín esa responsabilidade e así traballa o novo equipo que conformamos. Tócanos vivir ese novo escenario.

Nada máis asumir o seu cargo dicía que Lugo “quere un goberno plural e de esquerdas”, e iso implica diálogo con Lugonovo e co BNG. Como vai a relación con estes dous grupos da esquerda tras un ano e algúns acordos, como o dos orzamentos?
Demostramos capacidade de diálogo e que é noso instrumento base para sacar adiante calquera proxecto. E seguiremos nesta liña para acadar consensos no beneficio da cidadanía. Así o entendemos distintas forzas políticas; nesta nova situación os pactos teñen que ser o “a, b, c” do día a día. E coido que niso Lugo é un exemplo. O caso máis importante son os propios orzamentos, pero tamén outras cuestións como as ordenanzas municipais.

Para aprobar os orzamentos, o diálogo con Lugonovo foi unha das claves. Axuda estar un chisco lonxe do ruído xerado en torno á Coruña, a Santiago ou a Ferrol, onde o PSdeG ten máis tensión coas mareas, para ter unha relación máis sosegada coa ‘marea’ lucense?
Non, porque tamén hai outros concellos nesa distancia que non foron quen de aprobar os orzamentos. Penso que se trata de actitude, de entender en que momento estamos e cal é a nosa responsabilidade, porque todos a temos. O equipo de goberno moita máis, pero a oposición tamén ten a súa. E váisenos avaliar polo que fixemos e polo que podemos facer.

Dicía hai uns días o alcalde de Santiago que a alcaldesa de Lugo, a diferenza doutros, ten capacidade para dialogar con outras forzas políticas. E poñíaa a vostede en contraste co alcalde de Vigo. Como valora o eloxio e a comparación?
O alcalde de Vigo é un referente, por ter unha gran traxectoria e grandes responsabilidades como presidente da FEMP. Unha comparación cun compañeiro de partido sempre é un eloxio. Dito isto, o alcalde de Vigo está nunha situación de maioría absoluta que non implica tanto diálogo, é unha obviedade. A maioría absoluta é a única posición que non obriga a pactar, e a cidadanía díxolle que esa era a súa posición. Mentres, Lugo ten unha especial fragmentación, poucos concellos teñen seis grupos na súa corporación. A comparación pon, en todo caso, de manifesto a capacidade que temos en Lugo.

Esa fragmentación facía que hai un ano coubese agardar que a vida política ía ser moito máis axitada na Deputación que no Concello. Como cre que pode interpretar a veciñanza todo o sucedido dende o pasado ano ata esta semana, co pacto dos orzamentos?

"A situación da Deputación non é a querida nin a idónea, pero o presidente puxo por riba de todo os intereses da institución, que estaría máis debilitada sen orzamentos"

A situación da Deputación non é a querida nin a idónea, porque a inestabilidade redunda en toda a institución, neste caso a toda a provincia. O presidente puxo de manifesto que por riba de calquera ideoloxía ou interese persoal está o ben da institución. E unha institución sen orzamentos está moito máis debilitada, sobre todo nas administracións provinciais, que teñen moita asunción de competencias. Primou o interese da provincia por riba de calquera outro.

En que cre que se trabucou o PSdeG? Sobre ao principio, nos seis meses de crise máis profunda co alcalde de Becerreá?
Coido que non se trata de equivocacións, cando menos non exclusivamente do PSdeG. O interese persoal é lícito, pero nunca pode estar por riba do interese do partido e, en ningún caso, do interese xeral.

Vimos dun ano no que o presidente da Xunta subliñou en moitas ocasións que está a “cumprir” con Lugo. No entanto, dende o Concello alúdese a materias pendentes como o hospital, as infraestruturas ferroviarias e o PP dilles que non cómpren “pancartas” para facer esas demandas. Como valora a colaboración co Goberno galego?

"A Xunta trátanos como cidadáns de segunda"

Por desgraza, é nula. Séguennos tratando como cidadáns de segunda. Non é unha interpretación, trátase de que o presidente da Xunta se comprometeu persoalmente comigo, nunha xuntanza por invitación del, a poñer orzamentos para a estación intermodal, como noutras cidades. E a realidade é que dedicou cero euros. En 2011 comprometérase en dotar o barrio da Residencia con infraestruturas para que non se degradase, e a realidade é que en 2016 non fixo ningún investimento. A realidade é que se comprometera coa hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear e só temos respostas parciais. Temos un auditorio cun compromiso iniciado hai máis de vinte anos, co convenio asinado por el como conselleiro, e aínda o temos sen recepcionar pola Xunta. Falamos de moitas carencias e de moi boas intencións e anuncios electoralistas como agora, o da residencia de maiores, cando dende 1978 non se concerta ningunha praza pública en Lugo malia ao avellentamento da nosa poboación. Claro que falamos de discriminación da Xunta cara a Lugo.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo © Concello de Lugo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.