0 Gardados para despois

O Sergas celebra o aniversario do novo hospital de Vigo, unha “catástrofe” para Caballero

Redacción | @prazapublica

O 29 de xuño do ano pasado os pacientes de consultas externas foron os primeiros en estrear o novo Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Malia todas as críticas recibidas desde entón polos diversos problemas de funcionamento do centro, este mércores o Goberno galego organizou un acto de celebración do aniversario. “É a primeira vez que alguén celebra o primeiro ano dunha catástrofe”, criticou o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero.

O conselleiro asegura que a área viguesa ten agora mellor atención sanitaria que hai un ano, pero admite que o Álvaro Cunqueiro non estará a pleno funcionamento ata dentro doutro ano

O novo hospital de Vigo, cuxa construción e xestión foron entregadas pola Xunta a unha concesionaria privada, leva acumuladas incidencias de todo tipo neste ano. Desde roturas de tubaxes de saneamento novas ata un cambio na empresa encargada de subministrar os menús pola súa baixa calidade, pasando por insuficiencias de persoal e material ou atascos diarios de vehículos na súa contorna. O Goberno galego tentou contrarrestar os problemas con diversas estratexias de contrapropaganda que non evitaron que siga a haber críticas dos cidadáns. Este martes, nunha entrevista en Faro de Vigo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, admitiu que o hospital aínda non está plenamente operativo. “Para estar ao 100% precisamos un ano máis, no segundo aniversario do primeiro paciente”, di, xustificando que polo novo centro pasan cada día “entre 8.000 e 10.000 persoas”. No acto no hospital, no que estivo acompañado por nenos nacidos alí neste ano e polas súas familias, Vázquez Almuiña ratificou que aínda será necesario outro ano para acadar o pleno funcionamento de todo o hospital, pero asegurou que a área sanitaria viguesa ten agora mellor atención sanitaria que hai un ano.

O propio nomeamento de Almuiña en outubro do ano pasado, ao mes da manifestación que sacou ás rúas de Vigo a milleiros de persoas en protesta polo hospital, é vinculado polos propios populares, entre outros conflitos, cos problemas do hospital vigués e coa necesidade de mudar o rumbo da xestión sanitaria que viña facendo a anterior conselleira, Rocío Mosquera.

Caballero pide que a Xunta dedique os cartos da celebración a bonos para que os vigueses poidan aparcar gratis no caro aparcamento do hospital

Sobre a celebración por parte da Xunta do aniversario do hospital pronunciouse tamén este mércores o alcalde de Vigo. “É a primeira vez que alguén celebra o primeiro ano dunha catástrofe”, dixo Caballero, quen propuxo que os cartos que o Sergas gaste na celebración se destinen a bonos para que os vigueses poidan empregar gratis o aparcamento do hospital, moi criticado polos seus elevados prezos que a Xunta tivo que rebaixar. “O que está a pasar co hospital é un escándalo e aínda celebran o ano deste desastre”, sentenciou o rexedor, que hai unha semana alertaba nunha entrevista en Praza.gal de que será igual de esixente sobre a necesidade de recuperar a concesión do hospital con calquera goberno que saia das autonómicas do próximo outono.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.