O BNG impulsa unha reforma legal para blindar os debates electorais na TVG

Pontón, presentando a proposta en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Menos papeis nos buzóns e máis debates na Televisión de Galicia. O BNG vén de activar o percorrido parlamentario da proposta de reforma da lexislación electoral que rexistrara no Parlamento a finais de maio, e que ten entre os seus punto máis destacados a blindaxe legal dos debates entre forzas políticas nos medios públicos de comunicación durante a campaña electoral, ademais de suprimir a remisión masiva de papeletas electorais ao electorado, tal e como vén sucedendo en cada convocatoria electoral.

A portavoz nacional e candidata do Bloque á Presidencia, Ana Pontón, presentou este luns ante a prensa unha iniciativa que, di, supón adiar unha reforma electoral máis profunda -o PP, lembra, xa a rexeitou cando a formación soberanista a propuxo- para "levar unha modificación puntual que pode prosperar cun acordo entre os grupos". O proxecto, di, "permitiría reducir gasto inútil, conseguir que a imaxe da carretaxe sexa de vez parte do pasado e, ademais, gañar en democracia incrementando a transparencia e a igualdade nos medios públicos", di.

A primeira parte da proposta suporía unha engádega ao artigo 29 da lei de eleccións, que regula o reparto dos espazos gratuítos de propaganda electoral na TVG e mais na Radio Galega. O BNG formula que durante a campaña os medios públicos celebren debates electorais entre as formacións políticas "en horario de máxima audiencia". Como "mínimo", di o texto, celebraríanse "dous debates electorais xerais" entre "os principais candidatos e candidatas que obtivesen representación parlamentaria" nas "anteriores eleccións equivalentes". Ademais, a lei fixaría "un debate electoral" por cada circunscrición entre candidatos das forzas con representación e, "adicionalmente, en desconexión territorial", outro con membros "de todas as formacións que concorran ás eleccións".

A proposta inclúe a fixación por lei de debates e entrevistas electorais na Galega en horario de máxima audiencia

A "igualdade" no acceso aos medios de comunicación públicos durante a campaña, indica a proposta, completaríase coa realización de entrevistas, tamén en horario de máxima audiencia. Estas estarían "preferentemente" ubicadas na grella da TVG "ao remate dos espazos informativas de maior difusión" por "un tempo non inferior a 20 minutos" e "garantindo a máxima igualdade no tempo asignado". Asemade, a lei fixaría as normas para as entrevistas territoriais, con candidatos e candidatas de cada provincia designados polas forzas políticas.

A supresión do envío de papeletas aforraría dous millóns e "conseguiría que a imaxe da carretaxe sexa parte do pasado", di Pontón

A segunda parte da reforma presentada este luns por Pontón atinxiría á lei de financiamento dos partidos, que a Xunta sacou adiante no Parlamento o pasado ano. A modificación consistiría, neste caso, en eliminar o artigo 19.2, que regula a subvención do envío de sobres, papeletas e propaganda electoral a domicilio, mantendo o resto de subvencións. Traducido a euros, di Pontón, a supresión do 'mailing' suporía "un aforro de dous millóns de euros".

O Bloque prevé levar ao vindeiro pleno da Cámara unha proposta que, di, "pode saír adiante" formalmente, coa reforma legal, "ou ben cun consenso político". Por ese motivo, di, o BNG promoverá "contactos previso ao debate en pleno con todos os grupos para coñecer a súa posición". Nesas conversas, di, transmitirá que estas mudanzas "suporía máis democracia e transparencia e un acceso igualitario aos medios públicos para transmitirlle á cidadanía as propostas políticas coas que cadaquén se presenta ás eleccións".

Pontón, presentando a proposta en rolda de prensa CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.