López Veiga declara "admiración xenuína" por Feijóo tras elixilo para o Senado

Enrique López Veiga, tras ser elixido © Parlamento de Galicia

En agosto de 2005 o PPdeG aínda refregaba os ollos. Dous meses antes Manuel Fraga perdera a maioría absoluta e os cadros que durante dezaseis anos ocuparan cargos diversos na Xunta e no propio partido tentaban acomodarse na oposición e tamén de tomar posicións no inminente proceso sucesorio. Vislumbrábanse, como mínimo, tres candidatos: os que foran vicepresidentes de Fraga, José Manuel Barreiro e Alberto Núñez Feijóo, e o ex conselleiro Xosé Cuíña. Nese escenario irrompeu outro ex conselleiro, Enrique López Veiga. O que fora titular de Pesca daba un paso adiante para rematar coas "tonterías e bobadas" das "demandas de máis nacionalismo interno que propugna un sector de partido". El propúñase suceder a Fraga para "cambiar o partido de arriba a abaixo, facelo máis democraico, máis laico e deixar atrás actitudes rancias que nos fixeron perder apoios no electorado urbano", nun contexto de maior harmonía coa dirección central do PP.

En xaneiro de 2006 Feijóo impúñase no cónclave e López Veiga continuou como deputado raso durante a lexislatura co bipartito de PSdeG e BNG, protagonizando debates especialmente tensos como o que fora alcumado como "guerra das bandeiras", para instar os departamentos daquela dirixidos por nacionalistas a xeralizar a presenza da bandeira de España nos seus actos e despachos. Poucos meses despois de xurar bandeira como reservista voluntario da Armada na Escola Naval de Marín consideraba que "os nacionalistas son retrógrados, reaccionarios e cavernícolas dende o punto de vista filosófico" e aproveitaban a súa presenza no Goberno para realizar "gamberradas políticas privadas".

O novo senador propúñase en 2005 liderar o PPdeG para rematar "coas tonterías e bobadas das demandas de máis nacionalismo interno"

Máis dun lustro despois daquelas carreiras partidarias e colisións dialécticas o ex conselleiro regresou este martes á vida política. Fíxoo por iniciativa do que noutrora fora o seu rival, o hoxe presidente da Xunta, para quen non aforrou eloxios. Despois dun complexo crebacabezas interno os conservadores galegos decidiron tirar pola rúa do medio e botar man dun vello rockeiro do partido para substituír a José Manuel Romay Beccaría -presidente do Consello de Estado- como senador por designación autonómica. El non tiña previsto regresar á vida pública pero "o presidente é moi persuasivo, aparte de ser un bo amigo e unha excelente persoa á que eu profeso unha admiración xenuina, porque Galicia é quen de ser unha autonomía e está cumprindo, nin máis nin menos, os criterios de déficit", explicou aos xornalistas nos corredores do Parlamento.

Non foi ata o pasado venres cando Feijóo o "sorprendeu" coa proposta de nomeamento e, "se se pode ser útil a Galicia, resulta difícil dicir que non", aínda que a decisión traia consigo o "peso no estómago" que deriva da "responsabilidade". Con todo, a súa resposta foi afirmativa nun contexto no que, se "xa tiña afecto e admiración" por Feijóo, "agora máis", porque está a desenvolver unha "política sensata". Sobre esta base irá á Cámara alta dende a concepción de que os galegos "sempre fomos xente dura e traballadora" e "se conseguimos enfocalo, malo será que non saiamos desta crise". "Eu asumo unha responsabilidade moi grande e agardo non fallar" nunha institución que considera "necesaria", aínda que "coa que está caendo", se cadra cómpre "evitar duplicidades" e "maximizar a acción" de cada Administración. "Ao mellor hai que reenfocalo no seu momento, pero é un debate de moito calado e polo menos os dous grandes partidos teñen que estar de acordo". En todo caso, a el "sempre lle gustou" o Senado, como Cámara territorial e "con poderes".

Enrique López Veiga, tras ser elixido © Parlamento de Galicia
López Veiga, xurando bandeira como reservista en 2005 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.