Pastor recibe o martes ás vítimas de Angrois, que lle pedirán unha nova investigación

Concentración das vítimas en Angrois no segundo aniversario do accidente Dominio Público Plataforma de Vítimas 04155

A ministra de Fomento, Ana Pastor, convocou para o próximo martes ás seis da tarde a representantes da plataforma de vítimas do accidente de tren de Angrois do 24 de xullo de 2013. A reunión producirase a petición das vítimas, que o pasado luns remitiron unha carta a Pastor na que lle pediron explicacións polas súas “mentiras” cando asegurou que a análise que realizou do sinistro a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento foi independente. A Axencia Ferroviaria Europea vén de dicir o contrario e critica que se puxese todo o énfase en culpar do sinistro só ao maquinista.

No encontro, tal e como xa lle avanzaran na carta, as vítimas pediranlle a Pastor unha nova investigación técnica independente. Porén, este xoves o ministerio explicaba a este diario as dificultades legais que atopa para poder facelo. Segundo a súa argumentación, a CIAF hoxe xa é independente, como avala a propia UE, polo que o Goberno non pode atentar agora contra esa independencia pedíndolle nada.

A reunión entre as vítimas e Pastor producirase a poucos días do terceiro aniversario do sinistro. Coincidindo con ese feito, e como nos dous anos anteriores, a plataforma de vítimas celebrará en Santiago o día 23 unha asemblea. Será ás seis da tarde no Auditorio de Galicia e nela, avanzan, analizarán os avances do caso, con especial atención á reapertura da instrución ordenada pola Audiencia da Coruña, así como ao propio informe comunitario.

Xa o domingo 24 ao mediodía as vítimas concentraranse dende as once da mañá na praza do Obradoiro para reclamar que se faga xustiza, que se investigue politicamente o sucedido e tamén que se abra unha nova investigación técnica independente. Ese mesmo día, ás doce e media da mañá, asistirán a unha misa na Colexiata de Sar.

Xa pola tarde, á mesma hora en que hai tres anos descarrilou o tren Alvia, as 20.41 horas, reuniranse xunto á curva de Angrois para homenaxear e lembrar aos familiares e amigos falecidos na compaña da veciñanza de Angrois. Os actos rematarán, o día 25, cunha xuntanza no Pazo de Faramello, en Rois, onde un xardín lembra as persoas falecidas no sinistro. Tamén como en anos anteriores, o Concello de Santiago colaborará coas vítimas cedendo espazos e facilitando a loxística dos seus actos.

Carta das vítimas á ministra de Fomento Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.