Pontón insta a "demostrar" o 25 de xullo que o BNG "será chave na derrota de Feijóo"

Ana Pontón, portavoz nacional e candidata do BNG á Xunta CC-BY-SA BNG

O BNG resaltou, inmediatamente despois das eleccións xerais de xuño, que tras os malos resultados neses comicios apostaba por lanzar de inmediato a precampaña das transcendentais eleccións galegas do outubro, que serán convocadas dentro de apenas un mes. Nesta liña é na que vén actuando nas últimas semanas a formación soberanista e, nomeadamente, a súa portavoz nacional e candidata á Xunta, con visitas a diversos puntos do país, propostas sectoriais e participación en actos como a homenaxe a Manuel María organizada este sábado polo BNG de Monforte, dende onde Ana Pontón apelou á participación na manifestación que, como adoito, convoca o Bloque en Santiago o 25 de xullo. Os actos do Día da Patria, apelou, deben servir para amosar que poden ser "chave" na "derrota de Feijóo".

Dende á apelación á memoria do escritor, que desenvolveu boa parte da suá vida na capital da Ribeira Sacra, Pontón estende o chamamento á manifestación a "todas as persoas que sintan Galiza". Esa xornada, lanzarán a mensaxe de que "o nacionalismo é imprescindible para derrotar ao PP", e "imos demostrar a súa forza cunha manifestación masiva, aberta, reivindicativa e plural". A mobilización, di, ten como obxectivo "reivindicar os nosos dereitos como pobo e o noso dereito a un futuro mellor" que, asegura, "comezará tras a derrota do PP nas urnas".

Pontón afirma que o BNG será "a única alternativa nacionalista" nos comicios 

Pontón non oculta que, nesta ocasión, os actos do 25 de xullo servirán de termómetro para a inminente cita coas urnas. O "obxectivo" do BNG neses comicios, asegura, será "sumar para pasar a páxina de sete anos do peor presidente da historia de Galiza, que deixa o país en liquidación, en situación de emerxencia social e nacional, con máis desigualdade, precariedade e pobreza". "A maioría social -engade- vive hoxe peor que hai sete anos, ese é o gran legado do señor Feijóo". E neste contexto, mantén, "a única alternativa nacionalista" que o electorado terá diante de si será o Bloque, "único proxecto político que ten a cabeza e o corazón neste país, que non recibe ordes dende Madrid".

Durante a próxima semana as asembleas comarcais do Bloque debaterán sobre as listas electorais, que ficarán aprobadas definitivamente o día 23

Dende o desexo de que Manuel María siga a ser "un referente político para todas e todos os nacionalistas" polo seu "compromiso co país, coa lingua e a cultura", Pontón apela á mobilización das bases do Bloque, que nos últimos días desenvolveron asembleas comarcais para formularen propostas de "nomes para integrar as listas". O proceso, salienta a formación, foi "participativo, democrático e colectivo" e, ao seu xuízo, por iso "contrasta co xeito de proceder doutras organizacións políticas".

"Sobre a base das persoas elixidas pola militancia", a comezos desta semana a Executiva Nacional formulará "unha primeira proposta de candidaturas", que volverá ás comarcas "para o seu debate e aprobación" entre o vindeiro martes e venres. O sábado, día 23, a formación nacionalista xuntará o seu Consello Nacional para a "aprobación definitiva" das candidaturas, polo que quen encabecen as listas ás eleccións xa poderán acompañar a candidata a Xunta nos actos do 25 de xullo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.