Pérez Bouza confirma a súa marcha do BNG

Xosé Manuel Pérez Bouza CC-BY-NC-SA BNG

"Cheguei á conclusión de que o mellor para o BNG é que solicite a miña baixa como afiliado desta organización" por "coherencia política". O ex senador  do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza vénlle de comunicar deste xeito á secretaria de organización do Bloque, Montse Prado, a súa decisión de abandonar a formación frontista. Despois de que, durante os últimos meses, o que fora cabeza de lista por Ourense ao Congreso expresase publicamente en diversas ocasións a súa vontade de marchar, este venres concretou a decisión, situando os resultados da pasada Asemblea Nacional como principal motivo.

A xuízo de Pérez Bouza, o cónclave celebrado a finais de xaneiro "non foi de consenso", senón "de clara confrontación" e "lonxe de reformular o proxecto e de lanzar socialmente un novo BNG", "o que se fixo" foi "rearfirmarse na líña, na práctica política e nos referentes", cunha "evidente división interna e xerando unha profunda sensación de desánimo e desilusión nunha parte moi considerable da base social", asegura. Neste sentido, o ex senador subliña que "a decisión foi tomada lexítima e democraticamente pola maioría dos militantes", polo que "só queda pola miña parte respectala".

Neste escenario, o político ourensán asegura que a súa é unha decisión "persoal", que "responde a razóns concretas, que non son persoais, senón políticas". Nun comunicado remitido aos medios abonda ademais en que a súa marcha "non depende en absoluto da decisión que poidan tomar outros militantes a título individual, nin colectivos ou correntes organizadas".

Xosé Manuel Pérez Bouza CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.