Partidos e sindicatos lanzan varios manifestos polo 25 de xullo

Presentación do manifesto de Esquerda Unida, este sábado © EU

Varias formacións políticas e sindicatos difundiron ao longo desta fin de semana manifestos e declaracións con motivo do 25 de xullo. Esquerda Unida fíxoo este sábado en Compostela, ante a sede do Museo do Pobo Galego, baixo o título de De nós depende. A formación intregada en En Marea centrou o texto nas eleccións autonómicas previstas para ese outono, destacando que "Galicia quere saír do baleiro", destacando o proceso de "suma de forzas" iniciado hai catro anos con AGE e continuado coas mareas municipalistas e En Marea, un proceso que se quere continuar nestes novos comicios, apelando EU á "xenerosidade, intelixencia colectiva e honestidade". O manifesto péchase lembrando a "responsabilidade" que se abre de cara á posibilidade de derrotar o PP na vindeira cita electoral, un "horizonte que está aquí e agora" e que "depende de nós".

Tamén Espazo-Equo presentou o seu documento para o Día Nacional de Galicia que subliña que "nos atopamos nun novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente e ao Ben Común" e chama a "repensar a nosa sociedade en todos os seus ámbitos: o económico, o enerxético, o laboral, o social, o territorial, o alimentario" e a "definir un horizonte de sustentabilidade ao que chegar". Alerta da "desaparición do medio ambiente das axendas políticas e mesmo do imaxinario social" e reclama construír "unha verdadeira onda verde: a xustiza social e ambiental na vertente programática e a radicalidade cidadanista no seu construtor democrático " .

Pola súa banda, CCOO e UGT piden "que Galicia conte, o antes posible, cun Goberno que atenda aos problemas do país, que son precisamente os problemas dos milleiros de galegas e galegas que sofren tanto o drama do desemprego como o da pobreza laboral, o peso dos recortes ou os rigores dunha política fiscal pouco equitativa". "Galicia precisa un novo modelo produtivo, baseado nos bens e servizos de alto valor engadido. Un novo sistema con maior peso da industria e no que a competitividade se procure a través do investimento e da innovación, non dos baixos prezos e salarios", din. "Galicia necesita un cambio de políticas e de Goberno, porque os actuais responsables da Xunta probaron a súa incapacidade", conclúen as centrais sindicais.

Finalmente, o colectivo Mar de Lumes tamén difundiu un manifesto, centrado na denuncia do imperialismo en todo o mundo, sobre todo en América Latina, e que se lerá este 25 de xullo, ás 16.30 horas, nas escaleiras da Alameda de Santiago de Compostela. O texto quere expresar o apoio "ás dignas causas dos pobos da Nosa América, aos seus gobernos revolucionarios ou progresistas, e tamén ás organizacións de todo tipo que en Chiapas, en Oaxaca, na selva colombiana ou no territorio mapuche continúan loitando polos seus dereitos colectivos."

Presentación do manifesto de Esquerda Unida, este sábado © EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.