25-S: Feijóo contra Feijóo

Feijóo, nun mitin da campaña das xerais CC-BY-SA PPdeG

O 1 de marzo de 2009 Alberto Núñez Feijóo tornou de persoa a categoría dentro do PP. O presidente galego converteuse na mostra vivente de que o atribulado partido de Mariano Rajoy, ao que lle viña de estourar o caso Gürtel mentres tentaba suturar as feridas da segunda derrota ante Zapatero e do congreso de Valencia, era quen de gañar eleccións contra prognóstico e no medio da adversidade. Tras unha campaña na que se puido ver ao propio Rajoy traballar o voto rural como nunca antes, o sucesor de Manuel Fraga impúñase a un desconcertados PSdeG e BNG, centrados na competición dentro do goberno que compartían ata que a poderosa maquinaria popular os deixou na cuneta tras a que, posiblemente, foi a carreira electoral máis dura e sucia da historia de Galicia. Sete anos despois, Feijóo competirá o 25 de setembro contra aquel candidato triunfante á primeira. Enfróntase a toda a oposición pero, sobre todo, a si mesmo.

A convocatoria anunciada este luns, cadrando coas eleccións vascas e apenas unha semana antes do inicio do xuízo do caso Gürtel, lanza definitivamente unha precampaña na que o PPdeG vén traballando dende hai semanas, instalando un banco azul en diversas vilas e aldeas nas que o titular da Xunta recolle suxestións e fala en primeira persoa cos paisanos. Como cando, en 2009, os estrategos do partido da dereita lle retiraron a gomina e a gravata e o fixeron afacerse ás americanas con parches nos cóbados para poder percorrer os antigos celeiros de votos de don Manuel sen proxectar a imaxe de "chulo" que, admitían, era unha das súas principais debilidades.

Agora o coñecemento de Feijóo non é un problema e o esforzo conservador céntrase en reforzar a súa imaxe presidencial fronte á "lea" que, repiten, representa a actual oposición. O actual presidente é a "estabilidade" e a perda da maioría absoluta suporía o acceso ao poder dunha alianza encabezada polas "mareas de Podemos" -repiten, malia non estar claro aínda se o partido de Pablo Iglesias confluirá ou non- xunto a un PSdeG en crise e un BNG en pleno devalo, resumen. 

Feijóo competirá o 25 de setembro contra a oposición pero, sobre todo, contra aquel candidato triunfante fronte ao desconcertado bipartito

Crise económica, "imposición" do galego e un bocado de Venezuela salpican colateralmente o argumentario dun PP que neste período preelectoral só tivo unha dificultade destacable. As mareas, con Podemos ou por separado, carecen polo momento de candidatura á Presidencia da Xunta e, daquela, de obxectivo concreto para os dardos dos conservadores, que optaron por disparar contra o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, e empregar as evidentes tensións neste líquido espazo político para presentalo como sinónimo de radicalidade e caos. Ese antagonismo sérvelles, ao mesmo tempo, para ningunear o candidato socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, e dar por irrelevante á aspirante do Bloque, Ana Pontón, única das principais formacións que xa ten as súas listas pechadas e aprobadas.

A posibilidade de que o maxistrado Luís Villares se poña á fronte de -se fragua- da confluencia é, polo seu perfil, unha das principais preocupacións nun PP galego no que os ánimos subiron desde as xerais de xuño, nas que recuperaron dous dos cinco escanos perdidos en decembro e, sobre todo, uns 34.000 votos. Esa subida inxecta moral pero, no entanto, intranquiliza na sala de mando conservadora: as porcentaxes de voto do 26-X, especialmente na Coruña -que elixe un terzo do Parlamento- e Pontevedra, non garanten a ansiada absoluta, ampliada en 2012 con tres escanos máis malia perder máis de cen mil votos.

Se Feijóo logra a terceira absoluta terá, de ser o caso, aberta de novo a porta cara a Madrid que se lle pechou tras a publicación das fotografías con Marcial Dorado

Este é o escenario no que o Feijóo de 2016 aspira a impoñerse ao PSdeG de Leiceaga, ao BNG de Pontón e ás mareas do candidato por definir pero, sobre todo, ao Feijóo de 2009. Se logra a terceira maioría absoluta asentará definitivamente o seu rango de lenda interna do PP e terá, de ser o caso, aberta a porta cara á política estatal que se lle pechou tras a publicación en El País, en marzo de 2013, das súas fotos navegando co 'narco' Marcial Dorado en 1995, cando o agora presidente xa dirixía a sanidade pública galega.

Se perde o poder ante unha alianza de esquerdas liderada polas mareas ou os socialistas ou se non pode completar unha eventual maioría simple cos escanos que poida conseguir Ciudadanos, Feijóo ten claro que non quedará liderando a oposición. Nese caso, tras dar a substitución en Galicia, a madrileña rúa de Génova volvería ser un destino posible para o barón-símbolo, pero acompañado dunha estrela moito menos brillante.

Acto da campaña autonómica do PP en 2009 © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.