En Marea insta a Podemos a integrárense en "igualdade" e non procurar un pacto "por riba"

Xuntanza da coordinadora de En Marea, este mércores en Santiago CC-BY-SA En Marea

A coordenadora provisional de En Marea reuniuse este mércores co lanzamento  para "esta semana" do proceso de primarias como principal punto da orde do día. Así e todo, o resultado da consulta interna de Podemos Galicia estivo tamén sobre a mesa, tanto pola "boa nova", en verbas de Xulio Ferreiro, da aposta pola confluencia como pola "dificultade", di Martiño Noriega, de que a dirección do partido morado lanzase xa un calendario de primarias de seu. A plataforma constituída en partido dende a pasada semana di non contemplar outro escenario que non sexa a integración en "igualdade" dos membros do partido morado e desbotan o que, apuntan, sería un acordo "por riba", en referencia a unha coalición tras cadansúas primarias.

"Temos primarias abertas, dende abaixo, para que se presente todo o mundo e poidamos conformar unha candidatura forte", argumenta o rexedor coruñés. "Agardamos que as persoas de Podemos que non estiveron ata agora participen do proceso posto en marcha o sábado con ilusión", agrega, nun contexto no que Noriega lamenta que Podemos Galicia artelle un "proceso paralelo" no canto de participar na elección que a coordinadora de En Marea está a perfilar. Sería, di, unha "contradición" a respecto do aprobado na asemblea do sábado, maís aínda cando a consulta "amosa unha aposta clara pola unidade popular.

Ferreiro apela á experiencia das candidaturas municipais, "nas que tamén participou Podemos", para rexeitar "un pacto fóra do proceso, pechado ás carreiras"

Neste contexto, na coordinadora de En Marea agárdase, subliña Ferreiro, que Podemos Galicia non procure “un pacto por riba, fóra do proceso, e pechado ás carreiras nos últimos días". "Temos que construír a confluencia desde abaixo, con fórmulas abertas e democráticas, como xa se fixo nas candidaturas municipalistas, nas que tamén participou Podemos", lembra.

Na contorna desta coordinadora aínda se di albergar a esperanza dunha flexibilización de posturas na dirección galega de Podemos, pero tamén na estatal. Non en van, poucas horas antes de que os seus principais dirixentes aplaudisen dende as redes sociais o resultado da consulta a prol da "alianza", o equipo de Pablo Iglesias lembráballe por escrito ao consello galego da formación que a única fórmula de alianza posible é unha coalición composta a partir do "peso político e electoral de cada parte". Isto é, a coalición "á catalá" á que apelou Carmen Santos en rolda de prensa. No entanto, na contorna de En Marea advírtese de que esta fórmula -varios procesos de primarias e un encaixe posterior- poría en risco, entre outros aspectos, a candidatura "de consenso" á Presidencia da Xunta á que apuntan dende hai semanas, a do maxistrado Luís Villares.

Santos esgrime que o votado polas bases é unha coalición e os críticos tentarán evitar o proceso paralelo no Consello Cidadán deste xoves

A secretaria xeral de Podemos Galicia defenderá esta postura na xuntanza do Consello Cidadán Galego convocada para este xoves. Nese conclave o sector crítico -no que se integran, entre outros, os deputados Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino- tentará, segundo as fontes consultadas por este diario, frear que Podemos desenvolva unhas primarias alleas ás de En Marea e reclamará, ademais, unha votación para que "unha representación de quen defendemos a necesidade de alianzas electorais" sexa a que negocie a unión, mesmo asumindo o partido instrumental. As posturas contrarias á defendida por Santos, subliña este grupo nun comunicado, son agora "maioría" no Consello Cidadán. A actual dirección esgrimirá, no entanto, que o votado polas bases non é outra cousa que unha coalición e advertirá, ademais, do apoio da cúpula estatal do partido.

Elaboración do programa

Alén das primarias a coordinadora provisional de En Marea informou tamén este mércores a través dun comunicado da posta en marcha das "grandes áreas temáticas" para a conformación do "programa participativo" da candidatura:"Democracia participativa, autogoberno, economía e facenda, ordenación do territorio e infraestruturas, ambiente e defensa da terra, servizos públicos e sociais; diversidades, igualdade e políticas feministas; lingua, cultura e patrimonio; sociedade da información e mais acción exterior e cooperación".

Nos "vindeiros días", informan, abrirán "un proceso participativo para recoller ideas e sumalas á liña programática da candidatura". Este procedemento, como o calendario final das primarias estará, en calquera caso, condicionado pola integración ou non con Podemos e o mecanismo no que finalmente se basee.

Carmen Santos anuncia o resultado da consulta CC-BY-SA Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.