Feijóo defende o borrado dos discos de Bárcenas polo que o PP foi procesado: "Hai un protocolo"

Feijóo, este mércores na Xunta Directiva do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

A pasada semana unha xuíza de Madrid confirmaba o procesamento do PP como persoa xurídica e da súa actual tesoureira, Carmen Navarro, polo borrado e destrución "a conciencia" dos discos duros que Luis Bárcenas empregou para o seu traballo como tesoureiro do partido. Segundo a maxistrada, a utilización do "sistema de borrado máis drástico" respondía á "determinación de impedir" que os investigadores accedesen á presunta contabilidade B da formación conservadora. O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, foi cuestionado ao respecto este xoves e retrucou defendendo o borrado. O seu partido, di, só aplicou un "protocolo".

Nunha entrevista na Cadena SER o líder popular foi cuestionado polo xeito de proceder na súa formación e, nomeadamente, se no PP galego e mesmo na Xunta se actúa da mesma maneira cos equipos informáticos do persoal que cesa no seu posto, borrándoos 35 veces e rompéndoos. "Hai un protocolo, supoño que nas Administracións públicas tamén, sobre o cambio de ordenadores", retrucou. Así, exemplifica, "neste momento" os membros do Parlamento galego "temos que entregar os ordenadores"e "haberá un protocolo" para o borrado da "documentación" que conteñen.

O líder e candidato do PP defende o xeito en que procedeu o seu partido e cre "un pouco escándalo" darlle "credibilidade" ás "cousas" que di o ex-tesoureiro

Así e todo, a xuízo de Feijóo o que cómpre resaltar é que "esta denuncia a presentou o señor Bárcenas". "A min -reflexiona- paréceme un pouco escándalo" darlle "moita credibilidade" ao ex-tesoureiro. Tras serlle lembrado que a acusación é mantida agora por unha maxistrada -co criterio contrario da Fiscalía- o presidente lamentou que "algunha xente considere que algunhas cousas que di o señor Bárcenas teñen verosimilitude" despois de probarse "o que fixo", algo que "me avergoña como político", di. Por iso, afirma, as afirmacións de Bárcenas carecen de "credibilidade".

Como detallou este diario, os informáticos do PP -por orde, segundo declararon, dos responsables xurídicos do partido- destruíron os discos duros do ex-tesoureiro e previamente borraron o seu contido non mediante un procedemento ordinario, senón aplicando o alcumado como 'método Gutmann', un sistema creado polo informático da Universidade de Auckland Peter Gutmann en 1996 que consiste en sobreescribir no disco 35 patróns diferentes de datos para así facer imposible coñecer cal era a información orixinal almacenada no sistema. Trátase do coñecido como "borrado seguro intenso".

Chiscadelas ao PSdeG

"Se non consigo maioría absoluta, gustaríame falar co PSOE", di, malia que Leiceaga xa pechou a porta a esa posibilidade

Alén do caso Bárcenas e da política estatal en xeral Feijóo aproveitou a súa intervención radiofónica para reiterar as súas chiscadelas ao PSdeG cara ao 25S para que, no caso de non lograr revalidar a maioría absoluta, os socialistas lle permitan gobernar. "Se non consigo maioría absoluta, gustaríame falar co PSOE", sinala, nun contexto no que "o señor [Guillermo Fernández] Vara", presidente de Extremadura investido grazas a Podemos, non "é un extraterrestre" por procurar pactos co PP. No entanto, o candidato do PSdeG á Presidencia, Xoaquín Fernández Leiceaga, xa advertiu en diversas ocasións que, de ser o caso, só procuraría pactos pola esquerda.

Na mesma entrevista o titular do Goberno falgo foi cuestionado tamén pola posible candidatura do maxistrado Luís Villares por En Marea. Feijóo di non ter "opinión" ao respecto de Villares. "Non o coñezo", asegura, se ben insta a "reflexionar" sobre a necesidade de que exista un "procedemento" para que "os xuíces que van ser dirixentes e candidatos dunha forza política" teñan que abrir "un período de reflexión" e afastarse da actividade xudicial. A lei xa impide que os xuíces no exercicio do seu cargo se incorporen a vida política e teñen a obriga de deixaren os seus postos antes de facelo.

Feijóo, este mércores na Xunta Directiva do PPdeG CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.