A "saída de ENCE da ría", eixo do programa do BNG "para a Galiza do século XXI"

Pontón e Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, este xoves en Poio CC-BY-NC-SA BNG

O percorrido da candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, parou este xoves en Poio. Aínda que cunha visita máis breve do previsto -o Bloque reprogramará os achegamentos a industrias da comarca, suspendidos este xoves por un problema familiar do alcalde da vila, Luciano Sobral- a líder nacionalista debullou, como xa fixera noutros municipios, algunhas das propostas que o programa da formación incluirá para o concello e a comarca cara ao 25-S. E dentro del, resalta, a marcha de ENCE da ría de Pontevedra volverá ocupar un lugar destacado no seu proxecto "para a Galiza do século XXI".

Despois da prórroga aprobada polo Goberno de España en funcións a comezos de ano e mentres o actual Goberno da Xunta promociona acordos cos responsables da pasteira Pontón reitera que a postura do Bloque seguirá a ser a mesma que nos últimos anos, tanto no Parlamento como no Concello pontevedrés. "ENCE debe saír da ría de Pontevedra para poder rexenerala e recuperala", di. O efecto, asegura, non sería unicamente ecolóxico senón que tamén impactaría nun dos eidos máis frecuentemente apelados polos defensores da factoría: xeraría "emprego en sectores produtivos" e "outros aproveitamentos, agora hipotecados por unha empresa consolidada grazas a unha lei trampulleira do PP".

Pontón está a presentar propostas sectoriais en concellos gobernados polo Bloque

Tras abordar cos edís do Goberno local, do Bloque, cuestións ligadas ao municipio como a creación dun parque empresarial ou a mellora da seguridade viaria na contorna da PO-308, que atravesa o concello, Pontón contrapuxo as iniciativas concretas da formación nacionalista coas posicións doutras forzas: "O BNG sempre cre que hai que mirar cara a adiante" e "sempre vai estar ao lado de Galiza e da defensa do seus intereses", asegura. Do 25 de setembro en diante, advirte, o país "non necesita un goberno en fuga como o que tivemos estes sete anos", senón "propexcto, programa e persoas con valentía "para desenvolvelo".

O país "non necesita un goberno en fuga como o que tivemos estes sete anos", di Pontón

No que atinxe ás propostas sectoriais para a comarca a candidata do BNG adianta que, novamente, "o sector extractivo, marisqueiro e da conserva" serán tamén prioridades programáticas da foramción soberanista. "Somos a primeira zona produtora da Unión Europea e a segunda do mundo", constata. No entanto, lamenta, "nos últimos anos a crise afectou ao sector da conserva" e dende as Administracións é posible desenvolver medidas como as encamiñadas a combater "a fraude da etiquetaxe", ademais de "apoiar a innovación" e "defendelo ante as institucións europeas a través da creación dun observatorio da trazabilidade para controlar que os produtos importados cumpran a normativa".

Nos vindeiros días Pontón continuará a presentar iniciativas programáticas do Bloque en concellos gobernados pola organización nacionalista. Así, este venres visitará unha cooperativa en Valdoviño xunto ao alcalde de San Sadurniño, Secundino García, xunto con outros representantes orgánicos e institucionais da zona.

 

Pontón e Luís Bará, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, este xoves en Poio CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.