Pontón pide apostar polo BNG por ser "un proxecto fiable e definido"

Candidatura do BNG por Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG

"O BNG é un proxecto no que se pode confiar porque é un proxecto fiable, definido e cunha alternativa política transformadora dun modelo caduco”. Así animou a candidata do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón, a votar a súa formación nos vindeiros comicios autonómicos, durante a presentación da candidatura pola provincia de Pontevedra na cidade do Lérez. 

"O BNG é un proxecto no que se pode confiar porque é un proxecto fiable, definido", di Pontón

"O BNG é presente e alternativa para cambiar o futuro de Galiza", insistiu Pontón, que lembrou que a fronte nacionalista configurou as listas "dende abaixo e elixidas pola militancia, nun proceso aberto, participativo, transparente e cun amplo consenso". Para a candidata, a lista por Pontevedra "recolle esa Galiza que non se resigna a ter o presente que nos están deixando as políticas da Xunta, do goberno central e da UE". 

Pontón pediu o apoio a unha alternativa política que ten o pobo galego como "motor dese cambio" e que pasa por ter instrumentos reais para "xestionar as nosas costas, as rías, os recursos económicos e poñer en marcha un modelo produtivo que aposte pola innovación e a modernización". Ademais, reclamou “salarios dignos, servizos públicos de calidade e igualdade para defender o dereito a vivir sen violencia”.

A candidata nacionalista adveritu que noutras zonas do Estado están avanzando nunha redefinición do mapa político estatal, polo que "Galiza debe aspirar a todo: a que os impostos recados aquí non fuxan para Madrid e sirvan para pagar a sanidade, a evitar os recorte e que nos impoñan as peaxes máis caras como AP9 ou que nos impoñan dende Madrid que sigamos padecendo a ENCE na ría". 

Por outra banda, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará destacou o seu equipo e un BNG que representa un “proxecto do nacionalismo” que é o único que pode acadar o “avance, o progreso e benestar do noso país”. O candidato lembrou que esa foi a función do nacionalismo no pasado e tamén a será despois do 25S. Ademais, destacou que o Bloque encara esta campaña electoral escoitando a xente para "atopar as mellores solucións aos seus problemas, unha campaña para aprender dos logros e tamén dos fracasos” porque, explicou, “cando se cae levantase un para seguir o camiño servindo ao pobo”.

Ana Pontón, en Pontevedra CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.