O PSdeG lanza o seu comité electoral para unha campaña "mobilizadora e de rúa"

Constitución do comité electoral do PSdeG Dominio Público @PSdeG

O PSdeG lanza o comité electoral de cara ás eleccións autonómicas. Coas diferenzas internas que manteñen pendente aínda a conformación das listas, os socialistas veñen de constituír e reunir por primeira vez o equipo que pilotará a campaña e que está dirixido polo ex deputado e concelleiro en Noia, José Manuel Lage Tuñas. 

O ex deputado Lage Tuñas será quen dirixa unha campaña electoral "mobilizadora" pero "austera"

Coordinador xa da campaña das primarias e Leiceaga e experto en comunicación política, Lage Tuñas será o coordinador xeral da campaña nun equipo electoral presidido por Pilar Cancela. Ademais, estarán acompañados por "referentes" do socialismo galego como Modesto Pose, Antón Louro ou Luis Ángel Lago Lage. Con todo, "predominan" integrantes dunha "nova xeración política", tal e como destacou Fernández Leiceaga. No equipo inclúense a deputada ourensá Noela Blanco, o lucense Pablo Rivera, o ferrolán Ángel Mato ou o vilagarcián Julio Torrado, polo que aposta a dirección para a lista de Pontevedra. 

Leiceaga aposta por tratar de evidenciar "a trampa e a ficción" do PPdeG e as "tiritas' que Feijóo causou tras sete anos de recortes"

Por outra banda, Leiceaga advertiu dunha campaña "centrada nos contidos" e "mobilizadora" pero "austera" e con "moita presenza na rúa" co intento de "facer cousas diferentes" para chegar aos galegos. Un dos obxectivos, segundo o candidato socialista, é tratar de evidenciar "a trampa, a ficción" que representa o PPdeG e Feijóo que, segundo di, "pon tiritas nas fondas feridas que causaron tras sete anos de recortes, de retroceso e de parálise". 

Así, Leiceaga citou o adianto da devolución das pagas extra de 2012 e 2013 aos funcionarios ou a anunciada axuda ás familias con menos recursos para afrontar o copagamento de fármacos como dúas desas "tiritas" coas que agora a Xunta, "cos cartos de todos os galegos", intenta disimular todos os prexuízos das súas políticas. 

Por outra banda, e ante o anuncio da retirada do Parlamento de Xosé Manuel Beiras, Leiceaga cre que "hai que recoñecer o seu compromiso con Galicia e coa liberdade". 

Comité electoral galego do PSdeG Dominio Público PSdeG
Constitución do comité electoral do PSdeG Dominio Público @PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.