En Marea amplía o prazo das primarias para "facilitar" a integración de Podemos "en pé de igualdade"

José García Buitrón © Podemos-Galicia

"O espazo natural de Podemos está dentro da Marea Galega. Aquí todos temos sitio". Con este chío e coa etiqueta #ContamosConPodemos, o candidato ás primarias de En Marea, Luís Villares, animaba a formación morada a integrarse no espazo de confluencia. Era tan só unha das numerosas mensaxes que líderes das diferentes mareas, de formacións políticas presentes nos diferentes procesos de unidade popular no Estado e mesmo relevantes membros do partido que dirixe Pablo Iglesias, puxeron nas súas redes sociais nun último intento por garantir unha candidatura conxunta. 

En Marea amplía o prazo das primarias para "facilitar a integración de Podemos en pé de igualdade"

Foron moitas as mensaxes, pero a postura da dirección estatal non parece variar. Nunha entrevista na Cadena SER, Carolina Bescansa dixo que "sen dúbida" Podemos apoiaba "os pasos dados" pola formación en Galicia ao respecto da súa confluencia con En Marea, ademais de defender os métodos democráticos e de participación das bases do partido, cuxa secretaria xeral no país, Carmen Santos, aposta por unha coalición e non pola integración no partido instrumental creado polas mareas, tal e como lle esixen os alcaldes denominados do cambio e as formación xa alí "diluídas". 

A última hora da tarde, a coordinadora de En Marea anunciou que aprobaba unha ampliación de 24 horas do prazo para presentar as candidaturas ás súas primarias (prolongaríase ataeste mércores 10 de agosto ás 23:59 horas) "para facilitar a integración de Podemos Galicia, que tamén podería incorporar membros nesta coordinadora provisional, en pé de igualdade no proceso de unidade popular que xa está en marcha".

Así se acordou nunha xuntanza mantida pola coordinadora de En Marea coa dirección de Podemos Galicia, onde se lles convidou a sumarse ao proceso de confluencia "aceptando os acordos políticos referendados cun amplo consenso o pasado día 30 de xullo na asemblea constituínte de Vigo". O procedemento, din, "busca garantir a igualdade de oportunidades entre o  conxunto dos axentes" e  mantén para os posibles participantes os mesmos "requirimentos" que para o resto de aspirantes: ter asinado o manifesto dos alcaldes, cumprir o regulamento da Marea Constituínte, as condicións fixadas e os avais. O espazo de confluencia "confía" en que esta flexibilización acabe coa integración "con lealdade" da formación morada. 

Bescansa di apoiar "sen dúbida" os "pasos dados" pola dirección de Podemos en Galicia 

Mentres, o ex-senador por En Marea, José García Buitrón, presentaba o martes a súa candidatura ás primarias en Podemos Galicia e nas que competira contra Magdalena Barahona, impulsada pola dirección. Asegurou que non vai ser "un obstáculo para que haxa un acordo" e que aposta pola confluencia por ser "o espazo político" da formación morada. 

Ademais, lembrou que o "espazo de confluencia" xa estaba feito e que o necesario agora é "amplialo", razón pola que non comparte "o posicionamento da secretaría xeral de Podemos", tras insistir que "a liña política" que segue non é do seu "agrado".

Buitrón insiste en "confluír" con En Marea e aclara que el "non será obstáculo" 

"Se non é a través das maiorías sociais non se constrúe sociedade. Queremos crear país, crear sociedad e crear partido, para iso fan falta maiorías. O noso espazo político é En Marea", insistiu, logo de cualificar de "excelente" a aposta por Luís Villares na confluencia e aclarar que non porá "ningunha condición insalvable para o encontro desas maiorías". Ademais, cre que "aínda hai tempo para alcanzar un acordo", aínda que preferiría que fose "anterior a que se decidan os procesos de primarias" porque "facilitaría as cousas". 

Por último, aclarou que espera "representar o 75% de Podemos Galicia que votou no proceso intero que quere alianza" e mesmo insistiu enque "os termos xurídicos non se teñen que poñer enriba da mesa", en referencia aos estatutos da formación que vetarían a súa disolución nun partido instrumental. 

José García Buitrón © Podemos-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.