Podemos evidencia as súas diferenzas nas primarias de En Marea

Presentación da candidatura En Confluencia Podemos pola Coruña Dominio Público @ECPodemos

As diferenzas en Podemos Galicia visualízanse tamén nas primarias. Á presentación de dúas candidaturas ás primarias -a oficialista e a crítica coa dirección- séguenlle agora os argumentos que cada unha delas emprega nesta campaña para a entrada nas listas de En Marea. Así, En Confluencia Podemos, impulsada polos deputados no Congreso Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, favorables á integración, defínense como os que "apostaron" sempre pola unidade fronte a opción de Contigo Podemos, na que se integra a secretaria xeral Carmen Santos, que "estivo dando bandazos ao longo de todo este camiño".

A lista impulsada por Gómez-Reino e Ángela Rodríguez defínese como os que "apostaron" pola confluencia fronte a quen deu "bandazos"

Así o manifestou Luca Chao, que lidera a lista de En Confluencia pola provincia da Coruña, e que tamén dixo esperar "bos éxitos" de todas as listas presentados por Podemos para que a formación morada teña o "maior peso" posible en En Marea. Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, presentes na presentación da candidatura, fixeron un chamamento ás bases para que apoien de xeito "claro" a quen apostou desde o principio pola confluencia para que a foto final da candidatura galega sexa clara nesa liña. 

Por outra banda, Xuntos Podemos, sector crítico de Podemos Galicia, xa anunciou que configurará unha estrutura política con órganos independentes aos da organización morada no ámbito estatal. Segundo explican nun comunicado, isto suporá "legalizar un partido político independente" pero que traballará internamente na formación morada en Galicia. 

Podemos chama a "que unha #MareaMorada inunde En Marea"

No seu chamamento oficial á participación nas primarias, Carmen Santos e Pablo Echenique din que "é máis necesario agora ca nunca que unha #MareaMorada inunde En Marea coa forza dos de abaixo". "Porque só se Podemos é forte en En Marea as ondas da democracia e a xustiza abrirán de para en para as exclusas das institucións", din, antes de advertir do "xeneroso paso dado" pola formación en Galicia. Tamén, critican con dureza a Feijóo, a corrupción do PP galego e "os sete anos brutais de recortes e inxustiza social". 

Unha membro do Consello Cidadán de Podemos Galicia, Paula Quinteiro, que encabeza unha lista non oficial para as primarias de En Marea, criticou a campaña #MareaMorada e asegura que o proceso non pode abordarse "como un exercicio de colonización", en referencia á imaxe dun barco co logotipo do partido utilizada pola dirección estatal.

"Este tipo de campañas revelan que a plurinacionalidade para algúns dirixentes de Podemos é un eslogan e parece que non entenderon absolutamente nada do que se está a construír en Galicia", dixo Quinteiro. 

Por outra banda, os inscritos de Podemos poden votar na súa plataforma dixital habitual e a través dunha ferramenta propia como a que xa utilizaron noutros procesos internos anteriores. 

Presentación da candidatura En Confluencia Podemos pola Coruña Dominio Público @ECPodemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.