A nova data do AVE galego, en precampaña

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

No verán de 2001 uns fachendosos José María Aznar, Francisco Álvarez-Cascos e Manuel Fraga colocaban nas proximidades de Santiago unha simbólica primeira travesa do AVE a Galicia. Restaban apenas catro meses para as eleccións autonómicas, as derradeiras que Fraga gañaría por maioría absoluta, e aquela foi a primeira campaña galega na que o tren rápido foi motivo de refrega entre os partidos do país. En 2007, mantiña o PP, todas as cidades de Galicia estarían unidas por alta velocidade con Madrid. Pasaron as campañas e os gobernos, por San Caetano e pola Moncloa, e ás portas dunhas novas eleccións galegas o AVE volve estar na axenda. Por tras quedan xa prazos diversos, como 2009, 2012 ou 2015 e, mentres xa circulan trens Avant polo eixo A Coruña-Santiago-Ourense, o resto do proxecto avanza abafado entre a crise económica. É neste escenario no que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lanzou este xoves unha mensaxe que semellou dirixida tanto para propios como para estraños, partidariamente falando. O titular do Goberno central, Mariano Rajoy, ten o "compromiso" de ser el quen lle poña data ao remate das obras, lembrou. E farao "no verán", concretou.

En 2001 Aznar e Fraga fixaron a chegada do AVE para 2007

As palabras de Feijóo a preguntas dos xornalistas chegaban despois dunha semana ateigada de dúbidas. Despois de que, durante tres anos, a chegada ou non do AVE fose un dos lugares comúns favoritos do Goberno galego para lanzar invectivas cara ao gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero e, moi especialmente, cara ao daquela ministro de Fomento, José Blanco, a nova inquilina do ministerio, compañeira de filas do presidente galego, rebaixaba o pasado martes as expectativas. "As datas danse cando a obra está para concluír", dixo Pastor, evitando por todos os medios falar de datas de remate. Paralelamente, dende diversos medios de comunicación editados en Madrid sinalábase que a incerteza estaría a chegar pola banda do Ministerio de Facenda, e do seu titular, Cristóbal Montoro, disposto a frear as obras para cadrar as necesitadas contas públicas españolas. 

Con independencia de que haxa ou non adianto, o anuncio de Rajoy chegará en período preelectoral

É neste contexto no que chega a lembranza de Feijóo a un dos poucos compromisos que conseguiu arrincar da súa xuntanza con Rajoy na Moncloa, o pasado marzo, e que, asegura, segue planmente "vixente". "O único que dará a data é Rajoy", aseverou o presidente tras a reunión do Consello da Xunta, polo que "sobre a data do AVE a Galicia, o resto de persoas, incluído o presidente da Xunta, non teñen maior interese". Segundo Feijóo o retorno do PP ao Goberno central supuxo "un antes e un despois" para o futuro desta infraestrutura, xa que "antes", en referencia ao mandato do PSOE, "dábanse datas e non había orzamentos" e "agora" hai "orzamentos e licitacións, e nos queda a data". En calquera caso, resolve, a conexión ferroviaria está "máis garantida" agora "que ao comezo da lexislatura".

Así as cousas, e con independencia de que finalmente o presidente decida ou non adiantar as eleccións ao outono, o feito de que Rajoy vaia emitir o anuncio sobre o AVE galego en período estival é sinónimo de que o fará en período preelectoral, antes dunha campaña na que, ao contrario do que é tradicional, non haberá promesa ningunha de grandes infraestruturas, dada a conxuntura económica. No momento en que o xefe de filas do PP pronuncie a data "será a primeira vez que un presidente do Goberno de España se comprometa personalmente co AVE a Galicia e estou convencido de que Rajoy se compromete, conforme aos compromisos asumidos na Moncloa", proclama. Á espera dese momento todo semella indicar, non obstante, que o prazo diferirá en máis dunha década a respecto da promesa lanzada por Aznar, Álvarez-Cascos e Fraga ao pé daquela primeira travesa. Nesa mesma reunión da Moncloa o propio Feijóo sinalou que o ano 2018 é "tecnicamente razoable e posible" pero, introduciu, "dende o punto de vista financeiro" é "ambiciosa", resolveu.

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.