Villares aposta por comarcalizar Galicia, como di o Estatuto, en vez de fusionar concellos

Luís Villares e outros candidatos de En Marea na presentación en Santiago das súas liñas programáticas para o rural Dominio Público En Marea

O candidato de En Marea á presidencia da Xunta, Luís Villares, comezou hoxe en Santiago a presentación das liñas programáticas sectoriais da súa formación. Aos pés do monte Pedroso, e cunha intensa chuvia de fondo, Villares e outros membros da súa candidatura explicaron as políticas que queren para o rural e a loita contra o lume, ámbitos nos que apostaron por comarcalizar a ordenación territorial de Galicia e incrementar os orzamentos destinados á mellora dos montes.

En Marea promete cumprir o Plan Forestal de 1992, que prevía dedicar ao monte o 3% dos orzamentos totais da Xunta

Foi o cabeza de lista de En Marea pola Coruña e deputado ata o de agora de AGE, Antón Sánchez, quen explicitou na súa intervención inicial a aposta da súa formación pola “comarcalización no rural para poder traballar a escala axeitada” e poder distribuír polo territorio de xeito máis racional e eficiente os diversos servizos públicos. Preguntóuselle logo a Villares que diferencia hai entre esa comarcalización que promete e a que tentou sen éxito o goberno de Manuel Fraga no seu momento, ao que o candidato respondeu criticando que o ex-presidente popular “programou estruturas pero non avanzou na súa execución”.

Villares lembrou que o artigo 27 do Estatuto de Autonomía contempla a organización de Galicia en comarcas, e avogou por dedicarlles os recursos necesarios para que sexan eficientes e tomalas como referencia á hora de deseñar os investimentos no país. Fronte ás súas propostas, dixo, o PP só tería a “ocorrencia” da fusión de concellos “sen un plan na cabeza”. Sobre esa cuestión, Villares criticou que a fusión de Cerdedo e Cotobade que agora está a impulsar a Xunta suporá a unión de concellos “de comarcas e partidos xudiciais diferentes”.

Villares lamentou que no seu momento Fraga previse as estruturas para a comarcalización de Galicia, como contempla o Estatuto, pero non as dotase de contido

En materia forestal, a número 2 de En Marea pola provincia da Coruña, Luca Chao, apostou pola creación dun dispositivo “único e público” de extinción e lembrou que a Xunta está a incumprir o seu propio Plan Forestal 1992-2032 ao reducir á metade os investimentos totais previstos e, dentro deles, darlle máis peso aos destinados á loita contra o lume que á ordenación produtiva do monte. Nesa liña, Villares asegurou que para saber se ese plan é eficiente, o Goberno galego debe aplicar as medidas e o financiamento que prevía. O candidato de En Marea comprometeuse a cumprir ese documento e destinar ao monte galego o 3% dos orzamentos totais da Xunta, o que suporía incrementar ata os 300 millóns de euros os 150 que se dedican actualmente e inverter dentro deles as porcentaxes dedicadas ao lume e á mellora dos montes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.