Este sábado remata o prazo para solicitar o voto dende o estranxeiro

Os obstáculos para o voto dende o exterior impedirán a milleiros de novos emigrantes exercer o seu dereito o 25S © dontcoveryoureyes

Nos últimos anos cada nova elección convértese nunha carreira de obstáculos para que as persoas que viven no estranxeiro poidan votar, sobre todo no caso dos residentes temporais, un colectivo formados maioritariamente por mozos e mozas que nos últimos anos marcharon traballar a outros países. O primeiro deses obstáculos é o rogo ou solicitude de voto, que en cada convocatoria electoral os residentes temporais deben realizar de forma presencial nas sedes dos consulados españois (os residentes permanentes si poden solicitalo de forma telemática). O prazo para facelo remata este sábado 27, e hai que ter en conta que moitas oficinas consulares só abren de luns a venres. En todo caso, o rogo do voto non é o único atranco que os galegos e galegas que viven fóra de España poden atopar á hora de votar. Repasamos aquí algúns destes trámites sucesivos e os seus prazos.

Os residentes permanente poden votar en urna (o 21, 22 ou 23 de setembro nos consulados) ou por correo (ata o 20 de setembro).

Os residentes permanentes (Censo CERA)

Os e as residentes permanentes no exterior téñeno algo máis doado. As persoas inscritas no CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes) poden solicitar o seu voto enchendo o impreso que se lles enviou ao seu domicilio (que tamén se pode obter por internet) e remitíndoo por correo ordinario, fax ou a través da rede. Unha vez rexistrado deste xeito o rogo de voto, recibirán no seu domicilio por correo certificado as papeletas e os sobres coas instrucións e, finalmente, poden votar en urna (o 21, 22 ou 23 de setembro nos consulados) ou por correo (ata o 20 de setembro).

 

Os residentes temporais (Censo ERTA)

Aínda que se leven a cabo correctamente todos os trámites (inscrición, rogo de voto), as papeletas poden non chegar a tempo para poder votar (en moitos casos fixérono despois dos comicios)

Para o colectivo de residentes temporais (aquelas persoas non inscritas no CERA), a cousa complícase, pois víronse obrigados a realizar dous trámites nos consulados e ambos os dous presenciais: a propia inscrición no censo ERTA e o a solicitude do voto. Para ambas as dúas operacións (que poden realizarse de forma simultánea) a data límite é este 27 de agosto.

Poden xurdir complicacións engadidas: se a persoa leva máis dun ano inscrita no censo ERTA, pode suceder que o Consulado a obrigue a inscribirse no censo CERA de residentes permanentes, unha operación para a que xa se pecharon os prazos.

Outro problema que moitas persoas xa sufriron nas últimas convocatorias electorais está relacionado co voto por correo. Aínda que se leven a cabo correctamente todos os trámites (inscrición, rogo de voto), as papeletas poden non chegar a tempo para poder votar (en moitos casos fixérono despois dos comicios). Os prazos son moi axustados: a data límite para poder enviar os votos por correo é o 21 de setembro para os residentes temporais e o 20 de setembro para os residentes permanentes. O envío de papeletas comeza o 5 de setembro, pero se hai impugnacións ás listas e candidaturas, o inicio do envío adiarase ata o 13 de setembro. Co voto deben enviarse os xustificantes dos custes do envío, para que o Estado reembolse estas cantidades, algo que en moitas ocasións tamén xerou dificultades, coma neste caso que contamos en Praza hai uns meses.

Se a persoa leva máis dun ano inscrita no censo ERTA, pode suceder que o Consulado a obrigue a inscribirse no censo CERA de residentes permanentes, unha operación para a que xa se pecharon os prazos

Unha opción á que algunhas persoas recorreron nalgunha ocasión é a de aproveitar algunha estadía temporal en España para votar por correo. O voto ordinario por correo pode solicitarse presencialmente en calquera oficina de correos do territorio español ata o 15 de setembro. A Oficina do Censo Electoral envía a documentación ao/á votante do 5 ao 13 de setembro. O prazo para enviar o voto chegará ata o 21 de setembro. Iso si, as persoas inscritas no censo CERA non teñen a opción de votar por correo dende España, o mesmo que os/as residentes temporais do censo ERTA que xa solicitaran o rogo do seu voto.

 

Os obstáculos para o voto dende o exterior impedirán a milleiros de novos emigrantes exercer o seu dereito o 25S © dontcoveryoureyes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.