A Xunta volve admitir que aplicou o decreto plurilingüe malia saber que debía "potenciar" o galego

O titular de Política Lingüística (esquerda), con Anxo Lorenzo © Xunta

"Iso élle así dende que temos razón dos primeiros estudos estatísticos". Apenas unha semana despois de que, como adiantou Praza Pública, a Xunta admitise que sabía que o galego era "minoritario" nas aulas cando aplicou o chamado decreto do plurilingüismo e, malia isto, ofreceu en público unha diagnose contraria, a contradición chegou a unha sesión parlamentaria. Foi na Comisión de Educación da Cámara, onde o autor da pregunta escrita que deu orixe a ese recoñecemento, o nacionalista Bieito Lobeira, reclamou unha "explicación política a respecto desa monumental mentira". E o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, volveu, en esencia, a admitir que en ningún momento o Goberno galego detectou que a lingua propia fose hexemónica no sistema educativo, aínda que así o asegurasen en público tanto o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, como o propio presidente da Xunta.

"A que vén todo o que nos dicían?", cuestionou Lobeira, despois de botar man da hemeroteca para recuperar, por exemplo, a entrevista xornalística na que Vázquez afirmaba que "hai un 20% de centros que utilizan o galego en máis do 80% das materias" e que "o 60% dos centros utilizan máis do 50%". Os conservadores, subliña, dicían que "a situación era insufríbel" por haber "demasiado galego" nas aulas. "Impuxeron o seu decreto a través dunha gran mentira", reprochou, que "consistía en que o galego se estaba a impoñer en Galiza". E García, como xa fixo o seu departamento por escrito, constatou que "na resposta que lle demos dixemos que a situación do galego non é boa, en termos xerais" e que "hai que traballar para potencialo" porque, efectivamente, "isto é así". Especialmente "nas cidades" e "nas provincias atlánticas", onde "o galego ten menos presenza", en liña coa resposta escrita pero non coas declaracións gobernamentais.

Lobeira reclama "unha explicación política" pola "monumental mentira" na que, di, se asentou o decreto vixente

"Outra cousa é como o Goberno decidiu actuar", di o alto cargo de Educación que, non obstante, defende que a normativa vixente garante a "estabilidade entre linguas oficiais". Ademais, di, está "amparada por un programa electoral" e polo "referendo das urnas" que, di, impulsou o Goberno do PP a derrogar a norma aprobada polo bipartito e a impulsar "o seu propio decreto. 

"Había que contar unha realidade virtual para xustificar a eliminación dese decreto", considera Lobeira, que non dubida que os populares, primeiro dende a oposición e despois dende o Executivo, "manipularon e enganaron a sociedade" con "tácticas diversas", "repetindo" unha "monumental mentira que consistía en que o galego se estaba a impoñer en Galiza". "Constatamos, por fin, que evidencian a monumental mentira que lles serviu como coartada para aplicar o novo decreto e que merece unha explicación formal", reitera o parlamentario do BNG.

Cumprimento do actual decreto

Á marxe da constatación de que o galego nunca foi maioritario nas aulas, tampouco no inicio da presente lexislatura, outra das reclamacións do voceiro do Bloque en materia lingüística foi coñecer con detalle o grao de cumprimento do actual decreto, unha pretensión que, como xa acontecera na resposta escrita, non puido ver satisfeita. Despois de que García se limitase a asegurar que, en xeral, o reparto de materias entre galego e castelán se está a cumprir en todos os niveis educativos Lobeira tentou coñecer "en cantos centros" educativos se "determinou", por exemplo, "que a lingua predominante" entre o alumnado é o galego, ou se as materias que teñen que ser impartidas en lingua propia están a ser cumpridas.

O secretario xeral asegura que o seu departamento "non fai máis que defender a lingua galega"

"Estoulle dicindo que si, non temos ningún tipo de constancia" de que o decreto se incumpra, afirma o secretario xeral que, asegura, "cada vez que chama á inspección educativa para ver se hai algún procedemento aberto en torno ao decreto" a resposta é negativa. "Se sabe, dígamo", sinalou, xa que "a consellería non pode actuar por referencias ou comentarios ou incertezas que andan na rúa". "Temos que ter indicios", abondou, mentres Lobeira sinalaba casos concretos como o dun centro educativo compostelán e outro de Marín no que o galego non está presente "nin sequera" nas proporcións que marca a nova norma. "En mans de quen estamos", lamentou o nacionalista dende o seu escano. "Non facemos máis que defender a lingua traballando arreo", sentenciou o secretario xeral. "Ese decreto, que vostede di que tan horrible foi e que está rematando co galego é un tema que non está nos centros nin na sociedade", concluíu.

Lobeira, nun intre da comisión CC-BY-SA Merixo
García, durante a sesión CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.