Pontón culpa a PSOE e Podemos de que non haxa un goberno alternativo a Rajoy

Ana Pontón, na xuntanza con expertos en diferentes áreas © BNG

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, criticou este mércores que PSOE e Podemos son os responsables de que non haxa un goberno alternativo ao de Mariano Rajoy por ter “priorizado” o seu “xogo de tronos”. Así se pronunciou sobre o debate de investidura no marco dun encontro que o BNG celebrou este mércores en Santiago cunha trintena de representantes e expertos de diferentes sectores sociais e económicos para presentarlles e “testar” e “mellorar” o seu programa electoral para o 25 de setembro, en palabras de Pontón.

O BNG “testa” o seu programa para o 25-S cunha trintena de colectivos sociais e económicos

A preguntas dos medios de comunicación, Pontón cualificou de “rancio” o discurso de Rajoy na que cualificou como “sesión de non investidura”, dando por feito que o popular non terá apoios suficientes para ser nomeado presidente. A candidata nacionalista tamén asegurou que puido haber un goberno alternativo a Rajoy hai uns meses pero non foi posible, algo que ao seu ver hai que “agradecerllo a PSOE e Podemos, que tiveron a oportunidade” e non a aproveitaron porque “priorizaron o seu xogo de tronos”.

Fronte a esa actitude, Pontón asegurou que nas autonómicas do 25-S o BNG “non se conforma con derrotar a Feijóo, queremos abrir un tempo novo”. Segundo a nacionalista, o seu programa electoral propón “mudanzas de fondo” para unha “situación de emerxencia”. A candidata enumerou algunhas das súas medidas para os primeiros cen días de goberno nacionalista, entre as que citou un “plan retorna” para incentivar o emprego de emigrantes retornados, medidas contra a pobreza en materia de vivenda e enerxética, unha banca pública e unha tarifa eléctrica galegas ou a supresión do decreto da lingua no ensino aprobado polo PP.

Empregos para emigrantes retornados, medidas contra a pobreza e supresión do decreto da lingua no ensino, algunhas das primeiras medidas que implantará o BNG

Segundo Pontón, estas e outras propostas foron ben recibidas polos representantes de colectivos sociais e económicos aos que foron expostas este mércores, entre outros e segundo salienta o propio BNG, Anxo Queiruga, como representante de colectivos de integración social, María Reimóndez, do ámbito do feminismo, Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, Xosé Dios, da sanidade, ou o ex-conselleiro Alfredo Suárez Canal, como experto en medio rural.

Pontón tamén respondeu a unha das propostas lanzadas este luns polo presidente e candidato do PP, que se comprometeu a reclamar ante o Goberno central unha rebaixa do IVE dos produtos para celíacos. A candidata nacionalista lembroulle que o BNG xa defendeu esa medida tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados e que en ambas ocasións o PP votou en contra.

Ana Pontón, na xuntanza con expertos en diferentes áreas © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.