Pontón compromete a recuperación dos docentes recortados e do préstamo de libros de texto

Ana Pontón, co edil de Educación de Ames e persoal da cociña dunha escola infantil CC-BY-NC-SA BNG

O ensino foi a área do emprego público máis prexudicada polos recortes de persoal en Galicia durante os anos da crise. Como informou este diario, os datos máis recentes da Secretaría de Estado de Administracións públicas acreditan unha redución dunhas 1.200 prazas en educación, tesoirada que as ofertas públicas de emprego desenvolvidas neste 2016 só palía parcialmente, segundo veñen alertando dende o sector. A "recuperación" destes recortes, condicionados en boa medida polo límite ás taxas de reposición imposto dende o Goberno central, foi presentado este luns pola candidata do BNG á Presidencia, Ana Pontón, como unha das prioridades do seu programa educativo.

No marco dunha visita a unha escola infantil en Ames xunto ao edil de Educación e Cultura do municipio, o nacionalista David Santomil, Pontón inseriu as propostas educativas do Bloque "nun ambicioso plan de rescate dos servizos públicos". "Investir en educación é investir en futuro", di, e por iso coida que na vindeira lexislatura o obxectivo debería ser acadar "investir o 7% do PIB en ensino público" e, dentro desa aposta, "recuperar o profesorado recortado" neste anos, reducindo así as ratios mentres o país "conta cun goberno que non aplique a LOMCE" e garante o modelo de préstamo de libros de texto que a Xunta do PP eliminou e despois repuxo parcialmente.

Alén das medidas destinadas especificamente ás aulas, a cabeza de cartel do BNG subliña que as súas iniciativas neste eido pasarán tamén por que a Xunta "xestione o servizo de comedor" de xeito directo. Mostra da viabilidade desta iniciativa, afirma, son as escolas infantís de Ames, nas que "o BNG puxo en marcha a xestión directa dos comedores escolares". "É unha cuestión de vontade política elixir entre a xestión directa ou o conflitivo modelo de catering", afirma.

O BNG defende a xestión directa dos comedores escolares e pon como exemplo as escolas infantís de Ames

"Un ensino laico, de calidade e con recursos", resume Pontón, no que o Goberno galego "garanta" tamén o transporte escolar. Nesta liña, advirte, a necesidade de elaborar unha nova lei para o transporte en autobús permitirá a garantía deste servizo e a súa combinación cos propios comedores. O obxectivo, asegura, debe ser "que o alumando transportado teña dereito ao comedor escolar con prezos razoables para as persoas que non teñan dereito á gratuidade".

Na súa visita a Ames a candidata do Bloque lembrou tamén outras materias pendentes da Xunta con este municipio tamén no ámbito educativo e cultural. É o caso, di, da construción dun novo colexio no Milladoiro ou a declaración de Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.