Pontón esixe "cambios estruturais" na política forestal tras constatar a "precariedade" en Seaga

Rolda de prensa do BNG co Seaga © BNG

Ana Pontón esixe "cambios estruturais" na política forestal e na xestión dos montes galegos tras censurar e renegar da "tese do PP" de que os incendios en Galicia "son inevitables". Así, a candidata do BNG á presidencia da Xunta apostou pola "unificación" do servizo de extinción do lume que, para o Bloque, "debe ser de carácter público e profesionalizado". 

Traballadores do Seaga advirten ao BNG da "precariedade absoluta" dos brigadistas

Foi tras unha xuntanza con traballadores da empresa pública Servizos Agrarios de Galicia (Seaga), que advertiron a Pontón da "situación da precariedade absoluta" dos brigadistas. Desde a compañía, o presidente do comité de empresa na Coruña, Pablo Bujo, cargou contra a "palabrería barata" de Feijóo ao anunciar que os profesionais da loita contra o lume serán considerados bombeiros forestais. "É unha verdade a medias que só afecta a un terzo do dispositivo contra incendios de Galicia", advertiu, tras asegurar que na promesa só vía "un cambio de nome" ao persoal da Xunta en lugar dunha mellora das condicións laborais para os brigadistas. 

Os traballadores lembran que no Seaga teñen a condición de "fixos discontinuos", polo que traballan tres meses e non poden acceder "ao subsidio por desemprego". Moitos abandonan, entra xente nova e a maior parte deles "descoñecen o mundo forestal". "Calquera día temos unha desgraza", insistiu. 

Pontón aposta pola "unificación" dos servizos de extinción e por garantir o "carácter público e profesionalizado" destes

Ante esta situación, Pontón insistiu en "cambios estruturais" na política forestal da Xunta e advertiu dos "intereses privatizadores" nos sistemas de extinción, polo que apostou pola "unificación" do servizo e a garantía dun "carácter público e profesionalizado". A candidata do BNG censura esa "fragmentación" e "precariedade laboral e déficit de persoal". "Hai brigadas incompletas porque non se están a cubirr as baixas", insistiu, tras denunciar a "falta de medios".

"Non compartimos a tese do PP de que os incendios son inevitables, que non se pode facer nada para acabar co tema dos incendios", engadiu Pontón, que crticiou a "política da avestruz" en materia forestal da Xunta. "Fai como se o problema non existise", rematou, tras insistir en que "os incendios apáganse en inverno", polo que apostou por "un plan xeral de rozas" ou que a propia Seaga realice traballos nos montes. 

Rolda de prensa do BNG co Seaga © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.