Mocidade e maiores de 65, sectores da poboación galega máis mobilizados para as eleccións

Electorado non mobilizado cara ao 25S, por idades CC-BY-SA Praza Pública

A enquisa do CIS que marcou o inicio da campaña electoral galega di e insinúa moitos aspectos da carreira cara ás urnas do 25 de setembro. Alén da configuración do Parlamento que augura, a sondaxe máis ampla das que se coñecerán ata o día das eleccións traza tamén un retrato do electorado galego no que atinxe á súa disposición a ir votar. En xeral, a sondaxe augura unha gran participación, por riba do 70%, se ben esa mobilización é homoxénea entre toda a poboación. Os sectores do electorado máis mobilizados son, segundo a enquisa, as persoas máis mozas e mais as maiores de 65 anos.

Apenas o 16% de mocidade e maiores di non ir votar ou non sentir simpatía por ningunha forza política

Como informa Raúl Sánchez para eldiario.es, a mocidade e as persoas que superan os 65 anos son os únicos sectores da poboación nos que as persoas que afirman non prever ir votar ou non ter preferencia por ningunha opción política en concreto son, amplamente, menos do 20% do total. Así, entre o electorado de 18 a 24 anos, este valor apenas supera o 16%, semellante ao das maiores de 65 anos. Entre a poboación de 25 a 34 anos tampouco chega ao 20%. Mentres, entre quen teñen de 35 a 44 anos, máis dunha cuarta parte manifesta non estar mobilizada cara ás eleccións.

A mobilización entre mocidade e maiores é, polo tanto, moi semellante. No entanto, o peso de ambos sectores de poboación non é, nin de lonxe, o mesmo no censo galego cara ao 25-S. Os datos da Oficina do Censo Electoral amosan, por exemplo, que o número de persoas maiores de 85 anos, case 120.000, triplica o do electorado de 18 a 19 anos, algo menos de 40.000 persoas. As persoas maiores de 65 anos son máis de 665.000 e ascenden elección tras elección. Mentres, o electorado mozo non deixa de descender e desta volta estarán chamadas ás urnas pouco máis de 420.000 persoas de 18 a 34 anos.

O peso do electorado máis mozo no conxunto da poboación galega con dereito ao voto non sempre foi tan cativo. Non en van, ata hai unha década, o electorado de entre 18 e 34 anos era o máis numeroso no país. Así, por exemplo, nas eleccións galegas do ano 2005, nas que o PP de Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta, tiñan dereito ao voto algo máis de 642.000 persoas nesta franxa de idade fronte a pouco máis de 590.000 maiores de 65 anos.

As eleccións de 2005 foron as últimas coa mocidade como sector maioritario do electorado galego; agora é o que menos pesa

Aqueles foron os últimos comicios coa mocidade como grupo de maior peso. Nas seguintes convocatorias, segundo as sucesivas revisións do censo, o peso da xente moza descendeu de xeito moi pronunciado mentres o da poboación maior de 65 anos ía aumentando de xeito moderado, pero constante. Así se chegou ás anteriores eleccións galegas, as de 2012, cando a mocidade pasou a ser xa o grupo electoral máis reducido, unhas 500.000 persoas, e as maiores de 65 eran xa máis de 640.000. A tendencia continou nas seguintes convocatorias e neste 2016 quen superan os 65 anos son 244.000 persoas máis que as 421.000 que teñen entre 18 e 34 anos.

Estes datos, combinados coa enquisa do CIS, permiten albiscar que o diferente peso relativo no total do electorado destes sectores de poboación máis mobilizados cara ao 25S pode ter tamén o seu reflexo na composición do Parlamento. Non en van, como detallou Praza.gal, a devandita sondaxe amosa ás claras unha notabilísima diferenza de preferencias políticas entre mocidade e maiores. Nomeadamente, entre a xente moza a opción política preferida cara ao 25S é En Marea, segundo o CIS, mentres que nos maiores de 65 anos a opción elixida é o PP para o 50% das persoas enquisadas.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.