Francisco Conde: “Os galegos queren un goberno estable, responsable e inconformista”

Dominio Público Praza Pública

A SÚA QUENDA, SEÑORÍA

Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?

Poder defender os intereses dos galegos e galegas, e, en particular, dos lucenses e poñerme ao servizo da cidadanía a través dun proxecto realista e ilusionante.

Por que a cidadanía debería votar por vostedes?

Porque a maioría de galegos queren un goberno estable, responsable e inconformista. E saben que a única opción para iso é o Partido Popular de Galicia. Estamos avalados, ademais, por oito anos de goberno responsable e de resultados tanxibles e medibles. Fronte ao proxecto de Feijóo non hai ningún outro alternativo. Só hai un multipartito no que nin sequera se entenden entre eles. Nos últimos meses non escoitamos que formulasen ningunha proposta para facer crecer Galicia: só oímos os ecos das súas liortas internas. Sen embargo, os populares somos a única papeleta para evitar que a suma de catro ou cinco partidos impidan ese goberno estable. A nosa ambición é seguir mellorando Galicia e que non deixe de avanzar e por iso ofrecemos un gran pacto entre os galegos do urbano, do rural e de todas as idades. Ofrecemos máis dun millar de propostas que benefician a todos os cidadáns de Galicia. No tocante a Lugo, contamos con múltiples iniciativas como o inicio do desdobramento do Corredor Lugo-Sarria, o Plan de Sendas na comarca de Lugo ou o compromiso de que Lugo conte cunha estación intermodal. Outro dos nosos retos de futuro é dotar de novos usos ás dependencias do vello Hospital Xeral e do Hospital Materno Infantil, ademais de poñer a disposición dos lucenses unha nova residencia de maiores. Continuaremos co apoio ao Campus Terra de Lugo, afondaremos na habilitación de máis centros plurilingues e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías, mantendo tamén a mellora das infraestruturas. Seguiremos co Programa de Apoio á Natalidade cunha nova escola infantil. Sen esquecer o compromiso co patrimonio cultural, seguiremos afondando nas actuacións de mantemento da Muralla de Lugo e continuaremos apoiando e fomentando o Camiño de Santiago.

Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?

Seguir traballando para facer, para ser construtivo e para avanzar. A medida máis urxente é seguir dando resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas, que a maquinaria non se pare e non perder o ritmo para que a economía galega siga recuperándose e, polo tanto, o desemprego siga baixando. Os datos nos avalan: por primeira vez en Galicia desde 2009, o desemprego se sitúa por debaixo das 200.000 persoas. Xa estamos liderando a baixada do paro en España. Temos, polo tanto, que consolidar o ritmo de crecemento e creación de emprego que hoxe temos, que tanto custou acadar e que non podemos botar por terra. Para iso, temos unha serie de propostas que farán que os galegos e, en particular, os lucenses teñan máis oportunidades, apostando por facer de Lugo un referente internacional en innovación aeronáutica, con novas infraestruturas e unha mellor mobilidade, cunha mellor educación, con máis servizos sociais e cunha mellora da asistencia sanitaria.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.