O PP volve meter a vida persoal de Feijóo en campaña

Feijóo e globos de festa polo seu aniversario, no mitin de Pontevedra CC-BY-SA PPdeG

A vida persoal de quen exercen a política veu estando en Galicia, agás contadas excepcións, á marxe dos focos públicos. Así, por exemplo, na longa etapa de goberno de Manuel Fraga o maior achegamento do publico á súa vida privada produciuse ao transcender en febreiro de 1996 o falecemento da súa esposa, que non adoitaba participar en actos políticos. O seu sucesor na Xunta, Emilio Pérez Touriño, si promoveu, no entanto, a presenza da súa dona en eventos institucionais. Estes foron os límites aos que chegara a publicidade da vida persoal e familiar dos gobernantes ata a campaña electoral de 2009, unha durísima carreira cará ás urnas na que o PP apostou por expoñer máis ao seu candidato e tamén aos dos outros partidos. Sete anos despois, os populares volven botar man da vida persoal do seu líder.

Cando o actual presidente da Xunta accedeu ao liderado do PP de Galicia xurdiron, no entanto, preguntas máis ou menos informais sobre o seu estado civil. "Creo que o matrimonio é unha institución pouco democrática", afirmara nunha entrevista en El País cando fora cuestionado ao respecto. O asunto, non obstante, non pasou de ruxerruxe ata que, en 2009, o PP viu con bos ollos que quen daquela era parella do seu líder, a xornalista Carmen Gámir, aparecese publicamente xunto a el. Asemade, nos vídeos electorais participaron familiares de Feijóo como a súa nai, expresando o xa célebre "me dice que se casó con Galicia. Vaya, y Galicia no me da nietos". Paralelamente, os populares convertían a esfera privada dos seus rivais en ataque político. Chegando, por exemplo, a suxerir acusacións de violencia machista contra o daquela vicepresidente da Xunta e candidato do BNG, Anxo Quintana.

En 2009 os populares propiciaron a presenza da parella de Feijóo en actos políticos mentres lanzaban ataques ao resto de forzas baseados na súa vida persoal

Gámir estivo presente na primeira ringleira dalgún dos mitins da campaña e, sobre todo, estivo ao carón de Feijóo nalgunhas das súas primeiras aparicións tras gañar as eleccións. Minutos despois de ser elixido polo Parlamento, o novo presidente e a súa compañeira bicáronse nos corredores da Cámara ante un bo número de xornalistas que tornaron o momento nunha das imaxes da xornada.

A outra gran incursión desta relación na vida política e institucional chegou xusto un ano despois da primeira vitoria do PP con Feijóo á fronte, o 1 de marzo de 2010. Naquela xornada o líder conservador viaxou ao Vaticano para acudir a unha recepción co daquela Papa, Bieito XVI. A Xunta anunciara que o xefe da Igrexa católica recibía "en audiencia" o titular do Goberno galego e, nas imaxes do encontro que distribuíu, a parella do presidente apareceu con membros do gabinete de Feijóo posando xunto a Joseph Ratzinger. No entanto, poucos días despois transcendeu que a audiencia non fora ao presidente da Xunta, senón ao arcebispo de Santiago, que Feijóo viaxara como membro do "séquito" de Julián Barrio e que no acto Gámir era, formalmente, unha "colaboradora" do presidente.

Aniversario e paternidade

A vida persoal de Feijóo volveu pasar a segundo plano e non tivo maior relevancia na campaña da súa segunda vitoria, a de 2012. Así seguía en 2013, cando algúns xornais recolleron que mantiña unha relación sentimental con Eva Cárdenas, alta directiva do grupo Inditex. O asunto mantívose estancado nas páxinas de lercheo ata que agora, en plena campaña e a poucas horas do debate electoral na CRTVG, os populares deron o seu visto e prace a que transcendese que a compañeira de Feijóo está embarazada e que o candidato á reelección será pai o vindeiro febreiro.

Tras converter o seu mitin central nunha festa de aniversario do candidato, o PP promove que transcenda que a súa parella está embarazada

Previamente, o pasado sábado o PP tornou o seu mitin central de campaña nunha caste de gran festa de aniversario, para, con Cumpleaños feliz e torta incluída, parabenizar o seu líder por facer 55 anos de idade. Antes, a finais de agosto, o partido dedicou unha das páxinas do seu 'xornal' electoral a vinte e cinco preguntas ao candidato de tipo persoal. A segunda lembráballe aquilo de estar "casado con Galicia, pero Galicia non dá fillos". "Intento non renunciar ás cousas importantes, así que xa veremos como acaba", era a resposta.

"Contribúe, como un galego máis, a ese obxectivo seu de que Galicia sexa o mellor lugar para ser neno", di o partido

Tras ser publicada a información na capa de La Voz de Galicia e despois, por diversos medios de comunicación máis, chegou a vertente política do asunto. Mentres os aspirantes á Presidencia perfilaban detalles para o debate da noite, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey -responsable de medidas como o cheque bebé da Xunta ou a controvertida "caixa finlandesa"- manifestaba, durante un reparto electoral en Ferrol, que no PP se senten "encantados de que o noso presidente vaia vivir a experiencia única da paternidade, ademais de contribuír, como un galego máis, a ese obxectivo seu de que Galicia sexa o mellor lugar para ser neno"

Nas forzas da esquerda interprétase que o anuncio sexa precisamente agora como unha operación de imaxe do candidato

Nas forzas da esquerda, pola súa banda, interprétase a difusión da futura paternidade de Feijóo precisamente agora como unha medida operación a maior gloria da imaxe do candidato. Ignorar o feito, limitarse aos parabéns ou inserir a nova no tirapuxa político é unha conxuntura que, nun primeiro momento, só resolveron a candidata do BNG, Ana Pontón, e o número un de En Marea pola Coruña, Antón Sánchez. A cabeza de cartel do Bloque expresou, ao fío do inicio do curso escolar, que a súa formación, se goberna, garantirá que "todos os nenos e nenas deste país, incluído o fillo ou filla do señor candidato do PP, terán unha praza no ensino público. Sánchez, pola súa banda, considerou que sería máis adecuado dedicar "portadas" á "cantidade de xente que non pode pensar en telos aínda que teña ganas". "Podería ser portada o descenso da taxa de fecundidade dende 2008 ou que o saldo migratorio foi negativo en 2013, 2014 ou 2015", suxeriu.

Feijóo, no vaticano co Papa Bieito XVI ante a súa daquela compañeira (dereita) © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.