Noa Presas: "En Ourense, o BNG é a forza política que lle disputa o noveno escano ao PP"

Dominio Público Praza Pública

A SÚA QUENDA, SEÑORÍA

Cal é a súa principal motivación para optar a entrar no Parlamento?

O institucional é un campo de batalla máis e hai que aproveitalo. As activistas sociais, as feministas e a mocidade temos que representarnos directamente para condicionar as políticas deste país alí onde se toman as decisións. Ademais, motívame que en Ourense somos a forza política que lle disputa o noveno escano ao PP para ser chave no fin da era Feijoo. 

Por que a cidadanía debería votar por vostedes?

"Da experiencia tiramos aprendizaxes e neste contexto de emerxencia social non abonda con tombar o PP, hai que ter un proxecto político para o país"

Este é un proxecto colectivo, cunha historia de erros e acertos pero sobre todo de lealdade ao país e a súa xente. Sen o papel do nacionalismo contra as políticas da dereita e no deseño de alternativas reais teríamos un país máis desfeito. Da experiencia tiramos aprendizaxes e neste contexto de emerxencia social non abonda con tombar ao PP, hai que ter un proxecto político para o país. Estamos recuperando confianza, precisamos un plus para ser determinantes en Ourense para botar ao PP.

Cal é a medida máis urxente que precisa o país despois do 25-S?

Nós non imos prometer receitas de 45 días como Feijoo, precisamos cambios estruturais en todos os sectores e iso levará tempo, pero temos propostas para as urxencias. A primeira é que non haxa ningún fogar sen ningún ingreso, por iso estabeleceremos unha Renda de Garantía Social como un rendemento básico que englobe o conxunto das prestacións actuais e futuras. É o punto de partida para conseguir mellorar as condicións económicas e sociais de todos os galegos e galegas e comezar a construír un tempo novo de oportunidades para que a emigración sexa a última opción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.